Constituída a Mesa Intersectorial para avanzar na promoción da saúde e benestar da veciñanza

Redacción

A iniciativa forma parte da implementación da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, á que o Concello se adheriu recentemente.

O Concello constituíu hoxe a mesa intersectorial de traballo para avanzar na implementación da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (SNS) trala adhesión aprobada por unanimidade da Corporación municipal no Pleno celebrado o pasado 13 de agosto.

Na reunión, que tivo lugar esta mañá na Casa da Cultura, participou persoal municipal dos departamentos de Servizos Sociais, Medio Ambiente, Cultura e Urbanismo, ademais dun representante do Centro de Saúde. Foi un primeiro encontro destinado a poñer en común os obxectivos da Estratexia e establecer as primeiras liñas de traballo.

A constitución desta mesa supón un novo paso na aposta do Concello pola promoción da saúde desde unha perspectiva ampla que vai máis aló da atención sanitaria e que ten en conta factores relacionados co entorno, os hábitos de vida, a participación social e as condicións nas que se desenvolve a vida diaria da veciñanza.

Neste sentido, o obxectivo é identificar as necesidades e os recursos existentes no municipio e favorecer a coordinación entre os diferentes ámbitos que poden contribuír á mellora da saúde e do benestar, prestando especial atención á prevención de situacións de vulnerabilidade, ao envellecemento activo e á creación de contornas que favorezan unha vida máis saudable.

A adhesión á Estratexia dá continuidade á incorporación da Laracha á Rede Española de Cidades Saudables (RECS) no pasado mes de xaneiro. A participación nesta rede e a implementación da Estratexia permiten ao Concello continuar avanzando na planificación de políticas locais de promoción da saúde e participar en diferentes iniciativas e liñas de apoio promovidas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Sanidade.

De feito, o Concello conta xa cunha resolución provisional dunha axuda de 18.000 euros vinculada a este ámbito que permitirá apoiar programas dirixidos á promoción da saúde e a prevención.

A partir da constitución da mesa intersectorial, o Concello continuará traballando na identificación dos recursos e activos existentes no municipio e na definición de actuacións que permitan avanzar cara unha Laracha máis saudable, favorecendo que a veciñanza poida gozar de máis anos de vida en boas condicións de saúde e autonomía.

Comparte este artigo