A ribeirense Susana Sampedro é unha das cabezas de cartel
As risas están aseguradas en Ribeira con Tremendo Show!; un espectáculo baixo o formato de comedia instantánea que chega ao municipio da man de A Cantaruxa, coa colaboración da Concellería de Cultura. Ambas partes organizadoras estiveron representadas pola edil Ana Barreiro e David Sampedro, xerente da referida promotora local.
A ribeirense Susana Sampedro, Antón Coucheiro, Sheyla Fariña, Alfonso Medina e Arturo Cobas serán os encargados de encher de humor o novo Auditorio municipal no 29 de novembro, ás 21.00 horas.
As portas para o acceso abriranse media hora antes.
Os veteranos TheMomento e as novas fenómenas As Teimas reuniranse nun mesmo escenario para compartir historias que parten das suxestións do público e o elenco improvisará escenas no momento. “Teremos en Ribeira un espectáculo de primeiro nivel con rostros moi coñecidos do panorama cultural galego, onde non faltará a marca ribeirense da man da talentosa Susana Sampedro. Comedia e improvisación van da man neste show co que apostamos por dinamizar a vida cultural do noso municipio neste outono xunto co resto de propostas xa argalladas”, en palabras da concelleira de Cultura.
Doutra banda, David Sampedro, indicou que o espectáculo xa tivo varias funcións en Galicia, sendo a súa estrea na Sala Capitol, en Santiago de Compostela.
As entradas comezarán a venderse de forma anticipada no luns, 3 de novembro, ás 09.00 horas. Farase simultaneamente de maneira online en www.ataquilla.com como presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas.
O prezo sitúase nos 12 euros, máis gastos de xestión, para a venda anticipada, mentres que na taquilla do Auditorio o propio día da función, e dende unha hora antes do espectáculo, será de 18 euros, máis gastos de xestión.



