HomeA CoruñaO goberno local move ficha ante o déficit do servizo médico no...

O goberno local move ficha ante o déficit do servizo médico no Centro de Saúde

- Anuncio -spot_img

 O alcalde, Sergio Platas, solicitou unha reunión co Xefe de Servizo de Miño, Francisco Freixeiro, e coa coordinadora de Enfermaría de Atención Primaria de Paderne, Carmen Rodríguez-Tubío.

 Os puntos que xeran máis preocupación son que se cubran os postos vacantes, a estabilización do persoal e axilizar as listas de agarda.

O goberno local de Paderne move ficha ante as deficiencias detectadas no Centro de Saúde da localidade. Son moitas as veciñas e os veciños que trasladaron a inquedanza ao alcalde, Sergio Platas, que ante esta problemática decidiu solicitar unha reunión co Xefe de Servizo de Miño, Francisco Freixeiro, e coa coordinadora de Enfermaría de Atención Primaria de Paderne, Carmen Rodríguez-Tubío.

Tal xuntanza desenvolveuse onte, mércores 8 de outubro, para tratar os puntos que xeran máis preocupación: que se cubran os postos vacantes, a estabilización do persoal e axilizar as listas de agarda.

A realidade é que actualmente tan só pasa consulta un profesional en horario de mañá. Tan só un doutor para máis de 2.500 habitantes e actualmente sen consulta pediátrica, polo que as familias se teñen que desprazar aos centros máis próximos, que son Miño ou Betanzos, o que xera non só incomodidade, tamén un risco de saturación en ambos servizos. Vencellado a isto, pídese tamén a estabilización de persoal, dado que a situación da segunda praza de doutor (actualmente de baixa) está no aire polo momento.

Por outra banda, a temporalidade das citas é insuficiente. Moitas veciñas e veciños trasladáronlle ao alcalde, Sergio Platas, que o prazo é de 15 días incluídas as urxencias. Ademais, pídese que as e os doentes poidan ter a posibilidade de realizar probas de espirometría e retinopatía, que actualmente se emprestan en Miño, con maior axilidade.

Sergio Platas, alcalde da localidade, manifestou “a preocupación de moitas veciñas e veciños ante un servizo deficitario, con grandes carencias non só de persoal senón que tamén de recursos. Este é un ámbito moi sensible e no que non vale a inacción; en xogo está o benestar das persoas e chegaremos ata onde faga falla para seguir reivindicando que se lles recoñeza ese dereito”, asegurou.

Publicacións Relacionadas