O luns abre a inscrición para a I Carreira Popular Concello de Oleiros

Redacción

O vindeiro luns, 21 de setembro, abre o prazo de inscrición para participar na I Carreira Popular Concello de Oleiros, unha nova competición deportiva municipal que se celebrará o próximo domingo 18 de outubro, cun percorrido de 8,5 km con saída e chegada en Iñás, percorrendo tamén a parroquia de San Pedro de Nós.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o 13 de outubro a través da plataforma habilitada para a proba, en carreiraoleiros.ccnorte.com. A carreira está aberta a deportistas de diferentes idades e contará con categorías desde sub-14 ata máster-65, permitindo así unha ampla posibilidade de participación. A inscrición terá un custo de 5 euros por persoa.

O percorrido terá a súa saída e chegada fronte á Casa do Pobo de Iñás. Comezará ás 12:00 horas e deberá completarse nun tempo máximo de 1 hora e 30 minutos.

Con esta primeira edición, o Concello de Oleiros incorpora unha nova proba ao calendario deportivo municipal, que permitirá combinar a práctica deportiva co percorrido por un dos grandes espazos naturais públicos de Oleiros, o paseo fluvial de Iñás e Nós.

Comparte este artigo