Na sesión deuse lectura ás Declaracións Institucionais en conmemoración do Día Mundial da Infancia e do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O Pleno ordinario celebrado hoxe comezou coa benvida do alcalde, José Manuel López Varela, a Miguel Piñeiro, que se reincorporou como secretario titular do Concello. A continuación gardándose dous minutos de silencio polas vítimas da violencia de xénero e tamén da DINA que afectou á Comunidade Valenciana, Castela A Mancha e Andalucía.
Inmersos nos puntos da Orde do Día, deuse lectura das dúas Declaracións Institucionais rubricadas polos tres grupos municipais en conmemoración do Día Mundial da Infancia (18 de novembro) e do Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres (25 de novembro).
Como cuestión máis destacada, aprobouse por unanimidade e con carácter inicial a modificación da ordenanza municipal reguladora da corta, depósito, carga e transporte de madeira de tala. O alcalde, explicou que os cambios na normativa veñen motivados “polas dificultades que se atopa o Concello para esixir ás empresas madeireiras a reparación dos danos que producen nos camiños públicos durante as talas”. Unha vez entre en vigor a nova normativa, no momento de iniciar o expediente de solicitude da tala as empresas deberán presentar unha reportaxe fotográfica do estado das pistas para poder comprobar posteriormente o alcance das deterioracións causadas. Tamén se incorporarían dúas modalidades de fianzas diferentes, incrementando en todo caso as contías que ascenderían a 4.000 euros para a realización dun único traballo e a 15.000 euros para a fianza xenérica para a realización de traballos de forma indefinida.