O PP de Arzúa acusa ao Goberno Local de levar as Festa do Carme ao seu momento máis débil dos últimos anos

Redacción

• Os populares atribúen a situación á falta de xestión do Concello e ao abandono da comisión que durante anos fixo medrar as festas patronais
• Rafael Rivadulla pide explicacións polos reiterados atrasos nos pagamentos e cuestiona a ausencia de planificación do departamento de Cultura

O Partido Popular de Arzúa lamenta a situación das Festas do Carme deste ano e considera que o cartel presentado polo Concello é consecuencia directa da falta de xestión do goberno tripartito.
Os populares lembran que durante os últimos anos unha comisión formada por catro veciños conseguiu, de forma totalmente altruísta, mellorar edición tras edición unhas festas que chegaron a converterse nun referente da comarca, apostando polas mellores orquestras de Galicia e contribuíndo a dinamizar a economía local.
Segundo explica o PP, esta comisión recibía unha subvención nominativa municipal, pero o Concello foi acumulando importantes atrasos no pagamento da parte pendente da axuda, chegando a deberlles importes de dúas anualidades. Esta situación dificultaba afrontar os compromisos económicos coas orquestras e impedía planificar novas contratacións.
“O Concello prometeu durante meses que solucionaría os pagamentos pendentes, pero incumpriu reiteradamente a súa palabra”, afirmou o portavoz popular, Rafael Rivadulla.
O PP considera perfectamente comprensible que a comisión decidise non continuar organizando as festas, xa que “non se lle pode pedir a catro particulares que adianten cartos ou soliciten préstamos para cubrir unha débeda provocada pola falta de xestión municipal”.
Os populares denuncian ademais que o Concello asumiu a organización das festas apenas un mes antes da súa celebración, cando as principais orquestras de Galicia levan as súas contratacións pechadas con moitos meses de antelación.
“O resultado é evidente. Máis alá do imprescindible recoñecemento aos artistas locais e á Banda de Música de Arzúa, desaparecen do cartel as grandes orquestras que durante anos atraeron milleiros de persoas e xeraron actividade económica para a hostalaría e o comercio”, sinalou Rivadulla.
O Partido Popular agradece expresamente o compromiso dos artistas locais, que permitiron completar a programación nun contexto especialmente complicado.
Ao mesmo tempo, reclama explicacións públicas ao alcalde, Xoán Xesús Carril, e ao responsable da área de Cultura, José Luís García López, por non seren capaces de evitar unha situación que, segundo indican, a comisión de festas levaba anos advertindo.
“Estamos ante un novo exemplo das prioridades equivocadas deste goberno. As festas patronais non poden improvisarse un mes antes nin abandonarse á súa sorte. Os veciños pagan as consecuencias da falta de xestión e da ausencia de planificación”, concluíu Rafael Rivadulla.
O PP de Arzúa considera que as Festas do Carme son un dos principais acontecementos sociais, culturais e económicos da vila e reclama ao goberno municipal que recupere a confianza das persoas que durante anos as fixeron medrar e garanta que unha situación coma esta non volva repetirse.

Comparte este artigo