• Culleredo ten 4.000 horas mensuais financiadas pola Xunta para atención domiciliaria, pero o goberno municipal deixa case 600 sen utilizar
• Os populares esixirán un plan urxente para cubrir todas as horas dispoñibles e reducir a lista de espera do servizo
O PP de Culleredo denuncia a “gravísima situación” do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) no municipio e esixe explicacións urxentes ao goberno de José Ramón Rioboo despois de constatar que o Concello está a deixar sen prestar centos de horas mensuais xa financiadas pola Xunta mentres mantén a decenas de persoas dependentes en lista de espera.
Os populares advirten de que Culleredo ten actualmente asignadas unhas 4.000 horas mensuais dentro do SAF financiado pola Xunta, pero só se están prestando algo máis de 3.400. Isto supón que ao redor de 600 horas dispoñibles quedan sen utilizar cada mes nun servizo esencial para a atención de persoas maiores e dependentes nos seus propios fogares.
Ao mesmo tempo, hai actualmente 75 veciños pendentes de recibir este servizo fronte a 77 usuarios que si están a ser atendidos. Entre as persoas en espera hai mesmo casos de dependencia severa e gran dependencia, o nivel máis alto recoñecido pola lei e que implica necesidade de apoio continuo ou axuda varias veces ao día por perda de autonomía física, mental ou intelectual. “A situación é inaceptable. Mentres hai persoas maiores e dependentes esperando axuda para actividades básicas da súa vida diaria, o goberno local está a deixar recursos sen utilizar. Rioboo ten que explicar como é posible que haxa horas financiadas sen prestar mentres decenas de familias seguen esperando atención”, advirte a portavoz popular, Izaskun García.
Para o PP, estes datos demostran que o problema do SAF en Culleredo “xa non é só de financiamento, senón de incapacidade de xestión”. Neste sentido, García lembra que Culleredo foi un dos cinco concellos galegos que non se adheriu en prazo ao incremento extraordinario de financiamento autonómico para o período 2026-2028, o que supuxo perder preto de 620.000 euros adicionais para reforzar o servizo. Ademais, foi o único concello de toda a provincia da Coruña que quedou fóra desa convocatoria. “Rioboo está a fallar dúas veces ás familias de Culleredo: primeiro deixando escapar fondos para mellorar o SAF e agora sendo incapaz de utilizar todas as horas que xa ten. Cando un goberno deixa diñeiro sen pedir, horas sen prestar e veciños sen atender, o problema xa non é puntual: é un goberno esgotado e incapaz de xestionar os servizos máis básicos”, afirma García.
Por iso, o PP esixirá no próximo pleno un plan urxente para garantir que todas as horas financiadas préstense de forma efectiva, reducir a lista de espera e regularizar definitivamente un servizo “que non pode seguir funcionando desde a improvisación e o descontrol”, cun contrato caducado desde 2017: “Estamos a falar de persoas vulnerables e de familias que necesitan axuda real. Culleredo non merece un goberno que deixa recursos sen utilizar mentres os veciños esperan por unha atención fundamental para poder vivir con dignidade”.

