O PSdeG denuncia a parálise urbanística do Goberno de Sanmartín tras caer a mínimos a construción de vivenda en Santiago

Redacción

Marta Abal advirte de que os datos publicados polo Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña son “moi preocupantes” e evidencian “un problema estrutural de oferta de vivenda en Santiago” ante a falta de desenvolvemento residencial na cidade.

Os socialistas cargan contra a falta de planificación do Goberno municipal, que mantén bloqueado solo previsto no PXOM mentres aumenta a demanda e medran as dificultades de acceso á vivenda en Compostela.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal advertiu de que os datos publicados polo Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña “son moi preocupantes” e “evidencian un problema estrutural de oferta de vivenda en Santiago”, despois de coñecerse que no primeiro trimestre de 2026 só se visaron 18 vivendas novas na cidade, fronte ás 101 do mesmo período de 2019.
A edil socialista lembrou que esta caída da construción prodúcese “nun contexto de forte demanda” e puxo o foco nos datos oficiais do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que sitúan en 1.813 as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para Santiago de Compostela.
“O problema é que esa demanda non atopa resposta suficiente porque falta oferta efectiva”, advertiu Abal, que sinalou que unha das causas desta situación é que “boa parte do solo residencial previsto segue sen desenvolverse”.
Neste sentido, lembrou que os datos do Ministerio de Vivenda confirman que Santiago é o segundo municipio de Galicia con máis capacidade residencial pendente de desenvolver, con ámbitos previstos no PXOM aínda sen executar en zonas como Cancelas-A Muíña, Amio Norte, A Pulleira ou Agra dos Campos-Aríns.
“Falta oferta efectiva, entre outras razóns, porque boa parte do solo residencial previsto segue sen desenvolverse”, insistiu a concelleira socialista, que reclamou unha resposta estrutural ante un dos principais problemas da cidade.
Por iso, desde o Grupo Municipal Socialista insisten na necesidade dunha “planificación estratéxica da vivenda a medio prazo”, centrada en desbloquear e desenvolver o solo previsto no PXOM, mobilizar vivenda baleira e incrementar a oferta real de vivenda dispoñible.
Ademais, os socialistas consideran “imprescindible axilizar a tramitación administrativa aproveitando a ferramenta de administración electrónica da que xa dispón o Concello para mellorar procesos, reducir tempos e facer máis eficiente a concesión de licencias”.

Comparte este artigo