O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recibiu en María Pita ás persoas participantes na 33ª edición, que se celebrará desde hoxe ata o domingo
Como cada ano por estas datas, A Coruña acolle o Rallye Teresa Herrera de coches clásicos, unha cita que cumpre a súa 33ª edición e que xa é un clásico do calendario estival da cidade nesta tempada de festas.
Esta tarde, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recibiu no Palacio Municipal de María Pita a Alberto Garrido, presidente da asociación Coruña Veteran Cars —organizadores do evento, coa colaboración do Concello—, e a máis de cen participantes nesta cita, chegados desde moitos puntos de todo o país, como Madrid, Alacante, Murcia, Valencia, Barcelona, Burgos, Toledo ou Sevilla.
“Este é un evento único, que vai máis alá do mundo do motor”, destacou Castro, que apuntou precisamente á “paixón e compromiso” amosados polas e polos participantes no Rallye, moitos deles procedentes de Galicia e, nalgúns casos, doutras cidades do territorio nacional. O concelleiro subliñou, ademais, a implicación da Coruña Veteran Cars para seguir desenvolvendo, ano tras ano, o Rally na Coruña. A cita forma parte do amplo abano de actividades lúdicas e culturais deseñado polo Goberno de Inés Rey durante os meses de verán.
Ata este domingo, medio cento de vehículos converterán a cidade e a súa área metropolitana practicamente nun escenario de película de época. “Moitos dos coches clásicos que veremos nos vindeiros días nas rúas son case pezas de arte”, expuxo Castro, que convidou a cidadanía a non perder as exhibicións previstas en María Pita e a súa contorna ás tardes. Nesta ocasión, os asistentes ao Rallye Teresa Herrera asisitirán a unha grande exposición de modelos clásicos de marcas como Cadillac, Chevrolet, Mercedes Ford ou Bently, algúns con máis de 100 anos de antigüidade, todos eles minuciosamente resturados, que estarán expostos na praza de María Pita e que percorrerán as rúas da A Coruña e da súa contorna.
Percorrido pola contorna da cidade
Ademáis de amosar os seus vehículos, moitos dos participantes no evento recrearán, a través da súa vestimenta, cómo eran os atuendos que lucían ao volante os poucos afortunados posuidores destes coches a principios do século XX. Antucas brancas e
negras, vestidos flapper (cortos e de cintura baixa), sombreiros fedora, bombíns, luvas longas, e zapatos estilo Oxford axudarán ao público a imaxinar cómo era a vida sobre catro rodas neses felices anos vinte.
A XXXIII edición do Rallye Teresa Herrera, organizado polo Club Coruña Veteran Car, terá o seu punto neurálxico na Praza de María Pita. Desde alí partirán os automóbiles e ata ese punto regresarán unha vez rematen as rutas programadas para cada dunha das xornadas.
Cun percorrido que arrincará o venres 22 de agosto da praza de María Pita, o “Rallye Teresa Herrera” descorrerá por distintos municipios da comarca.