O programa desenvólvese do 3 de novembro ao 12 de decembro nos centros cívicos e inclúe obradoiros de benestar e visitas culturais guiadas.
A inscrición será do 24 ao 29 de outubro nas conserxarías dos centros, por orde de chegada e con prazas limitadas
A Concellería de Benestar Social, Participación e Igualdade pon en marcha unha nova edición de «Maiores en Plena Forma», a proposta municipal para fomentar o envellecemento activo, a saúde e a convivencia da veciñanza de 50 ou máis anos. Todas as actividades son de balde e están distribuídas pola rede de centros cívicos, co obxectivo de achegar a programación aos barrios e facilitar a participación.
O calendario combina sesións de benestar físico e emocional —ioga, bailes terapéuticos, risoterapia, danzaterapia, musicoterapia, control postural, xestión de emocións e manexo do móbil e redes sociais— con itinerarios culturais accesibles pola cidade. As saídas guiadas propoñen descubrir a Coruña desde tres miradas: a «Coruña verde e romántica», polos seus xardíns e alamedas; a «Coruña mariñeira», vencellada á fachada atlántica e á identidade portuaria; e a «Coruña literaria e cultural», que percorre espazos significativos da creación e da memoria urbana.
Esta iniciativa enmárcase nas políticas de benestar e proximidade impulsadas polo Goberno de Inés Rey, que aposta por reforzar os programas de envellecemento activo como unha ferramenta para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e fortalecer o tecido comunitario da cidade.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa preinscrición de maneira presencial entre o 24 e o 29 de outubro na conserxaría do centro cívico correspondente. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de chegada ata completar aforo. Recoméndase consultar con antelación os requisitos de cada actividade (roupa cómoda, material básico ou condicións de accesibilidade).
“Promover un envellecemento activo e combater a soidade non desexada segue a ser unha prioridade municipal; por iso reforzamos unha oferta próxima, de calidade e pensada para a participación nos barrios”, salienta a concelleira Nereida Canosa.
A programación detallada por centros, días e horarios poderá consultarse nos taboleiros informativos dos propios equipamentos e na web municipal, xunto coas reseñas dos itinerarios culturais para facilitar a elección das actividades.



