Ademais, o programa inclúe sesión dobre do ciclo Noites de Cine e a Festa do Berberecho en Noicela, unha cita gastronómica que cumpre 25 anos
Nesta penúltima semana de agosto a programación do Verán Cultural de Carballo chega á súa fin, poñendo o albaroque con citas para todos os públicos. Por unha banda, a Concellaría de Cultura segue rendendo homenaxe ás agrupacións de música e baile tradicional do Concello nun ano moi especial para a poesía popular; e por outra temos dúas citas con cinema de animación en Sofán e Entrecruces. Xa o sábado, celébrase unha das festas gastronómicas máis lonxevas do municipio en Noicela.
O venres 22 de agosto é a quenda do festival Canta miña compañeira… A Banda Municipal de Gaitas, a AC Arume de Berdillo, a AC Nemeth, as Cantareiras de San Campio de Cances, o Coro Aires de Bergantiños e a Escola do Alprende de Oza participan nesta cita que cada ano marca o remate do Verán Cultural, pero que desta volta ten un significado moi especial. Neste 2025, no que en Carballo homenaxeamos intensamente ás cantareiras e á poesía popular oral, as nosas agrupacións musicais protagonizan un festival de música e baile tradicional no que a muller tocadora será a protagonista, unha homenaxe ás nosas cantareiras. A posta en valor da música de tradición oral é parte do noso compromiso para preservar e difundir este patrimonio inmaterial tan importante no noso concello e na comarca de Bergantiños. A cita é no palco da Praza do Concello a partir das 21.30 horas.
O cinema, unha semana máis, seguirá tendo un lugar relevante na programación con dúas sesións do ciclo Noites de Cine. O mércores 20 de agosto, Sofán acolle a proxección da película de animación Gru 4, mi villano favorito. Gru, Lucy e as nenas (Margo, Edith e Agnes) dan a benvida a un novo membro na familia: Gru Junior, que parece empeñado en converterse nun pesadelo para o seu pai. Gru terá que enfrontarse ao seu novo inimigo, Maxime Le Mal, e á súa sofisticada e malvada moza, Valentina, o que obrigará á familia a fuxir. A cita comeza ás 22.00 horas e o filme está recomendado para todos os públicos. A duración aproximada é de 95 minutos. Colabora coa cita a Asociación de Mulleres Rurais San Salvador de Sofán.
E o xoves 21 de agosto, o Local Social de Entrecruces acolle a proxección doutra película de animación. Neste caso Los Mitchell contra las máquinas. Nela, a viaxe por estrada da familia Mitchell é interrompida por unha revolta tecnolóxica que
ameaza á humanidade. A cita comeza ás 22.00 horas e o filme está recomendado para todos os públicos. A duración aproximada da proxección é de 110 minutos. Colabora a AAVV San Xes de Entrecruces.
As citas dun Verán Cultural que chega á súa fin rematan coa celebración da XXV Festa do Berberecho en A Imende-Noicela. O sábado 23 de agosto a partir das 13.00 horas haberá degustación de berberechos ao vapor, en salsa ou en empanada e os e as asistentes tamén poderán desfrutar con varias actuacións musicais, incluíndo unha sesión vermú, as regueifas de Suso e Antonio de Xornes xa pola tarde, e pola noite gran verbena coa orquestra Solymar. Organiza a cita a ACDR Baldaio coa colaboración do Concello de Carballo.