• A parroquia da Esperela acolle novamente o evento co pregón de Paco Lodeiro e a actuación de Luar na Lubre como piares fundamentais dunha programación que abranguerá os días 5 e 6 de xullo.
A parroquia da Esperela será un ano máis o escenario da Feira do GastroLexítimo. O Concello de Paderne impulsa a celebración que se consolida como a herdeira da Mostra Branco Lexítimo ca fin de rememorar a identidade do municipio a través da súa cultura gastronómica e da súa actividade bodegueira, toda vez que serve para dar a coñecer a produtores locais e o potencial que ten a propia Denominación de Orixe.
Nesta nova edición, o pregón correrá a cargo do presentador galego Paco Lodeiro. A súa intervención dará paso a unha xornada de festa na que o público poderá desfrutar dunha variedade de postos con produtos locais e da comarca.
“Hai un ano comprometíamonos a manter esta celebración e a facela máis grande. Hoxe comprácenos presentar a segunda edición dunha Feira que une a gastronomía autóctona, o viño Branco Lexítimo e a tradición no Concello de Paderne”, sinalou o alcalde, Sergio Platas.
A programación será desvelada nas próximas semanas, aínda que xa se garante a actuación de Luar na Lubre, quen porá ritmo a un día de festa e orgullo dos produtos de Paderne.
“Unha vez máis, quero agradecer á Deputación da Coruña a súa colaboración co Concello de Paderne a manter viva unha feira que pon en valor a nosa gastronomía e viño autóctono” recalcou o rexedor, quen tampouco se esquece de agradecer á veciñanza “por ter sempre unha resposta tan positiva e unha atitude participativa coas actividades e eventos do municipio”.