O ciclo teatral do outono está a piques de chegar ao seu fin na Pobra do Caramiñal. “Durante estas datas tivemos sesións para rir, pero tamén para reflexionar a través da arte. Na última fin de semana de novembro asistiremos á cuarta das representacións e despedirémo-lo ciclo xa a comezos de decembro”, explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, con relación a esta programación que conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Píscore subirá ás táboas do teatro cine Elma no domingo, 24 de novembro, ás 19.00 horas, con Molto Barroco. É unha reivindicación das composicións musicais barrocas dende o teatro. Pola ocasión do baile de petición de casamento á súa prometida, un rei europeo do século XVII encárgalle unha peza orixinal ao compositor da corte. Isto desencadea unha serie de escenas cómicas entre o compositor e os seus tres músicos, ademais dun triángulo amoroso no cal se ve involucrada a futura raíña.
A entrada é libre ata completa-la cabida.