O evento organizado e conducido por Yolanda Castaño celebrarase este luns 23 ás 20.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora
O ciclo de poesía Poetas Di(n)versos pechará este luns 23 de decembro as súas sesións deste ano con Pol Guasch e Mario Regueira como protagonistas. O evento que está organizado e conducido pola Premio Nacional de Poesía do 2023, Yolanda Castaño, e promovido polo Goberno de Inés Rey celebrarase ás 20.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, con entrada gratuíta ata completar capacidade.
Por unha banda, Pol Guascho (Tarragona, 1997) será o convidado desta mes de decembro. Como cada sesión, haberá un poeta galego e outro de fóra de Galicia coa finalidade de poder poñer en común dúas maneiras distintas de entender e facer poesía. Guasch graduouse en Estudos Literarios e cursou un mestrado en Construción de Identidades Culturais na Universidade de Barcelona, ademais do Programa de Estudos Independentes do Museo de Arte Contemporánea de Barcelona. Foi progesor asociado de Literatura e crítica da cultura na Universidade de Barcelona e investigou no King’s College de Londres sobre Teoría e Literatura Contemporáneas.
No ano 2018 publicou o poemario ‘Tanta gana’, co que acadou o premio Francesc Garriga de 2018 e no ano 2020 gañou o premio López-Picó por ‘La part del foc’ (2021). Ese mesmo ano 2021 recibiu o premio Llibres Anagrama de novela por ‘Napalm al cor’, un ano antes de recibir o Premio Talento a Bordo do Festival Eñe de Madrid e o Premio 42 Revelación en catalán. A súa obra ‘Napalm al cor’ xa foi traducida ao castelán, inglés, francés, alemán e italiano e en 2024 publicou a súa última novela: ‘En las manos, el paraíso quema’.
Por outra banda, o representante galego desta sesión será Mario Regueira (Ferrol, 1979) é un autor caracterizado por unha gran versatilidade e ten publicado obras no ámbito da narrativa e da poesía. É tamén notable o seu interese polas minorías, a cuestión de xénero e a diversidade sexo-afectiva. Ao mesmo tempo, nos últimos anos destaca a súa faceta de crítico, tanto no ámbito xornalístico como no académico, onde ten estudado cuestións como a literatura de posguerra ou a ficción científica.
Premiado varias veces como narrador, a súa obra máis coñecida é a novela ‘ Outono aquí’, premio Lueiro Rei de novela curta 2011, reeditada hai pouco pola editora coruñesa Menino Morreu. Como poeta debutou cun imaxinario que lidaba coas cuestións poscoloniais en obras como ‘Tanxerina’ (2006, Premio Xosemaría Pérez Parellé) e ‘Blues da Crecente’ (2009, Premio Xohán Carballeirao). No ano 2012 aparece ‘O silencio’, lectura sobre as macro e microviolencias feita desde a consciencia da crise económica. O seu último libro de poesía é ‘Marco Livorno’ (2020, Premio Illas Sisargas de poesía erótica), onde as paixóns queer conviven nun escenario de barrio obreiro e amor polo fútbol.