O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu hoxe un acto de recoñecemento aos bombeiros e ao voluntariado de Protección Civil de Santiago mobilizado en favor das persoas afectadas pola DINA de Valencia. Foi cunha recepción presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, na que participaron membros de todos os grupos da Corporación Municipal.
A alcaldesa de Santiago agradeceu en nome da Corporación municipal os labores realizados polos membros dos bombeiros e dos voluntarios de Protección Civil nas zonas máis afectadas pola DINA: “estamos orgullosas de vós porque sodes persoas que sempre estades ahí nos momentos máis difíciles e duros”. A rexedora tamén salientou a súa “capacidade de iniciativa” e “o seu compromiso, non só coa poboación de Santiago, senón co resto da poboación”. Goretti Sanmartín tamén recordou “a impresionante cantidade de material recollido por PC e cedido polos veciños e veciñas de Santiago que quería estar ahí e ofrecer a súa axuda”, unha boa mostra do “espírito de Santiago acolledor e solidario”.
Tras as intervencións do xefe dos Bombeiros, Manuel Sanmartín; a xefa de Protección Civil, Begoña del Río e os testemuños dalgún dos axentes presentes, o concelleiro Xan Duro tamén quixo parabenizar a todos os efectivos mobilizados “pola entrega, polo traballo e pola solidaridade e por representar tan ben o que supón Compostela. “Sei que estades moi orgullosos pero tamén moi afectados física e psicolóxicamente”, polo que reiterou “o apoio do Concello”.
No pasado mes de novembro, tras a traxedia da DINA, o servizo municipal de emerxencias de Santiago sumouse ao operativo coordinado pola AXEGA e desprazáronse a Valencia os bombeiros Xoán Carlos Somoza, Iago Dans, Asier Vázquez, Elías Rodríguez e Fran García. Posteriormente, foron substituídos por José Antonio Gigirey, Jaime Tizón, Miguel Fernández, Antonio Morín e Adrián Roca. Durante a súa estancia nos municipios de Alfafar e Paiporta, encargáronse de traballos de achique de lodos, retirada de vehículos, apertura de portas e baixos e vivendas, e da habilitación do acceso a centros de saúde e bibliotecas.
En canto a Protección Civil, encargáronse do traballo de recollida, clasificación e entrega das toneladas de alimentos e produtos de primeira necesidade recollidos no estadio de San Lázaro, atendendo á petición realizada pola Federación Española de Municipios e Provincias. En total, recolléronse 35 toneladas de produtos.