Récord de inscrición e de participación local no XXII Autocross Carballo, que reunirá este sábado a 88 pilotos no circuíto municipal

Redacción

A proba, organizada polo Club Rally Coruña, é puntuable para o Campionato de Galicia de Autocross 2026

O Concello de Carballo volve vibrar co mellor automobilismo coa celebración do XXII Autocross Carballo, unha das citas máis agardadas do calendario deportivo que se disputará integramente este sábado, 6 de xuño. A proba, organizada polo Club Rally Coruña en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo (FGA), reunirá 88 pilotos no trazado carballés, que estrea unha importante mellora técnica.
O evento perfílase como un espectáculo único, que reunirá corredores e corredoras das seguintes categorías:
• Clase I: Turismos de serie (Series)
• Clase II: Turismos
• Clase III: Carcross
• Clase IV: Superturismos (SCC)
• Clase V: Junior Carcross
• Clase VI: Super Buggy
• Copas de Escuderías e o 3º Trofeo MRF Autocross Carcross
A xornada do sábado caracterizarase por unha actividade frenética no circuíto, sen pausas intermedias, para garantir a máxima emoción de afeccionados e participantes. Tras as verificacións administrativas e técnicas obrigatorias que comezarán a primeira hora da mañá (07:15 h), a competición oficial arrincará na pista conforme aos seguintes horarios:
• 10:30 h: Warm-up
• 11:30 h: Adestramentos oficiais
• 15:00 h: Primeira manga clasificatoria
• 16:30 h: Segunda manga clasificatoria
• 17:50 h: Finais B
• 18:00 h: Final A
• 19:45 h: Cerimonia oficial de entrega de premios e trofeos
Ademais da competición pura, esta edición xera unha gran expectación técnica. Ernesto Rumbo, presidente do Club Rally Coruña, destacou que a proba servirá como test definitivo para o novo pavimento da pista, composto por xabre. Este material promete mellorar a tracción e as condicións de pilotaxe, engadindo un factor extra de interese para os equipos.
Ernesto Rumbo estivo hoxe en Carballo para presentar o cartel do XXII Autocross Carballo, nun acto no que tamén participaron o vicepresidente da Federación Galega de Automobilismo, Moisés García; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e o de Obras, Luis Lamas, que é un gran afeccionado e nunca falta á cita co autocross, e o alcalde, Daniel Pérez.
O vicepresidente da Federación Galega destacou de xeito moi positivo o excepcional número de inscritos para esta edición, unha cifra récord que reafirma a fortaleza do autocross galego e o atractivo da proba de Carballo.
Pola súa banda, o alcalde expresou o seu agradecemento polo feito de que Carballo siga sendo a praza elixida para probas deste calibre. Daniel Pérez parabenizou ao Club Rally Coruña polo traballo “ben feito, como demostran as cifras de participación”, e reiterou o compromiso municipal coa mellora permanente das instalacións.
Desde o comité organizador convídase a toda a veciñanza de Carballo e aos entusiastas do motor de toda Galicia a achegarse ao circuíto para gozar dunha xornada memorable de competición, respecto polo deporte e adrenalina pura.
Para máis información e contacto de prensa:
• Organiza: Club Rally Coruña
• Teléfono da Secretaría: 609 860 925
• Correo electrónico: secretaria@clubrallycoruna.com

Comparte este artigo