Ribeira informou sobre o procedemento de regularización extraordinaria para persoas estranxeiras en situación irregular

Redacción
Lectura mínima de 3

 Participaron preto dun cento de asistentes na charla convocada polo Concello

Preto dun cento de asistentes tomaron parte da charla informativa que se ofreceu hoxe en Ribeira sobre o procedemento de regularización extraordinaria para persoas estranxeiras en situación irregular.

O concelleiro de Servizos Socias, Vicente Mariño, foi o encargado de dar a benvida ao coloquio. Segundo apuntou, no municipio hai actualmente empadroadas máis de 1.600 persoas estranxeiras, unha parte delas en situación irregular, “persoas e familias que forman parte da nosa comunidade e que, en moitos casos, atópanse con dificultades administrativas que condicionan a súa vida cotiá.” Neste senso, o edil considera que é “fundamental” xerar este tipo de espazos onde ofrecer “información clara, accesible e útil que permita coñecer os dereitos, posibilidades e recursos dispoñibles.” Porque, a xuízo de Mariño, “a regularización non é só un trámite; é unha porta á estabilidade, á inclusión social e laboral e a unha mellor convivencia no noso concello.”

A asesora xurídica en materia de estranxeiría e asilo, María Gómez, foi a encargada de expor ante as persoas que viven esta realidade e colectivos que lles brindan axudas os requisitos, documentación necesaria e prazos para presentar a solicitude.

Cómpre indicar que, no mes de marzo, o Concello de Ribeira adxudicou por 11.011 euros este servizo profesional de asesoramento xurídico en materia de estranxeiría e asilo para reforzar a atención que o Departamento de Servizos Sociais presta ás persoas migrantes do municipio; un servizo cofinaciado pola Dirección Xeral de Inclusión da Consellería de Política Social e Igualdade e o

Fondo Social Europeo.

O obxectivo é garantir un asesoramento xurídico especializado en materia de estranxeiría e asilo, co fin de complementar a atención social que xa se ofrece desde o Concello favorecendo así a inclusión social e laboral da poboación migrante residente en Ribeira. O servizo facilita información, orientación e acompañamento nos complexos procesos administrativos vinculados ao dereito de estranxeiría e á protección internacional, co propósito de evitar erros na tramitación e mellorar as posibilidades de éxito das solicitudes.

Ademais, o servizo ofrece apoio ao persoal técnico municipal, ás entidades sociais e ás empresas interesadas na contratación de persoas en situación administrativa irregular, promovendo así a súa inserción laboral e a regularización da súa situación.

Comparte este artigo