O BNG apoia a mobilización e reclama á Xunta unha resposta inmediata aos déficits da sanidade pública
Esta mañá, a veciñanza de Ribeira concentrouse diante da Consallaría de Sanidade para esixir ao SERGAS a dotación inmediata do persoal sanitario necesario para garantir unha atención digna á cidadanía, especialmente nun momento no que se aproxima o verán e se incrementa notablemente a poboación e a demanda asistencial.
Varios militantes nacionalistas e a edil do BNG, Cruz Rivadulla, estiveron presentes na mobilización, apoiando esta reivindicación e denunciando a situación límite á que a Xunta do PP está sometendo á sanidade pública, ao non cubrir prazas vacantes, nin substitucións por vacacións, baixas ou permisos.
“Non é de recibo que nun concello como Ribeira, que no verán multiplica a súa poboación, non só non se incremente o persoal sanitario, senón que se vexa reducido”, denunciaron desde o BNG. Esta falta de previsión e planificación por parte da Consellería de Sanidade está a provocar un deterioro grave da atención sanitaria, obrigando aos centros a atender un volume moi superior de pacientes con menos efectivos, o que satura os PACs e os servizos de urxencias hospitalarias.
Desde o BNG lembran que esta situación non é nova, senón que se repite dende o inverno e as listas de agarda non fan máis que esperar chegando a ter que agardar até dúas semanasa para que te poida atender o médico de cabeceira. “O Goberno galego non está adoptando medids e vota en contra das que propoñen grupos como o BNG para aprobar un plan de choque en Atención Primaria dotado de 200 millóns de euros. A única resposta do PP é recortar servizos e derivar á poboación cara á sanidade privada, deixando sen atención ás persoas que non poden pagala”, lamentan.
O Bloque reclama a activación dun plan de continxencia real, que garanta a cobertura de todas as prazas, o reforzo dos centros de saúde nas zonas con incremento de poboación estacional, e a recuperación de servizos básicos como pediatría, quendas de tarde ou atención non urxente.
“Desde o BNG seguiremos a carón da veciñanza, defendendo unha sanidade pública galega de calidade, universal e accesible durante todo o ano, tamén no verán”, concluíron.