A alcaldesa Goretti Sanmartín destaca o papel histórico de Galicia como referente téxtil mundial e chama ao consumo consciente para abordar os retos ambientais e sociais

Redacción

A rexedora compostelá defende, na inauguración dunha xornada sobre moda e industria téxtil, a busca de produtos de maior calidade e un consumo máis consciente con perspectiva local.

Na súa intervención, a rexedora destacou o papel histórico de Galicia como referente téxtil mundial, desde os talleres familiares ata os grandes fitos globais. Así mesmo, fixo un chamamento a abordar os retos ambientais e sociais do sector a través dun consumo consciente, aproveitando o coñecemento das nosas universidades e de centros de referencia como a Escola Mestre Mateo de Compostela.

Nese sentido, Goretti Sanmartín fixo un chamamento a “reforzar a conexión entre a industria, o coñecemento, a innovación e o territorio” para dar resposta aos problemas ambientais dunha produción que “medra exponencialmente, que se consome e se desbota rapidamente, unhas condicións laborais pouco aceptábeis en moitas partes do planeta e os problemas sociais que provocan modelos estéticos inalcanzábeis e un consumismo moitas veces abusivo”.

Sanmartín Rei sinalou ademais que da conciencia ambiental e social están nacendo outros discursos e outros intereses e, especialmente na mocidade, a mirada está virando cara a outro xeito de entender a moda. “A busca de produtos diferenciados e de maior calidade e un consumo máis consciente están abríndose paso e creando novas oportunidades que o sector, cunha perspectiva local, pode aproveitar. No noso país, onde temos tan preto no tempo outras formas de producir e de consumir, debería ser máis doado recoller estes novos retos que se formulan”, considerou.

Comparte este artigo