O Concello de Santiago abonará as bolsas de comedor escolar e actividades extraescolares mediante pago anticipado no vindeiro curso. É unha das principais novidades das bases da convocatoria aprobada na Xunta de Goberno de hoxe, que sobe o orzamento destinado a estas axudas ata 1.150.000 euros. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, explicou que “seguimos mellorando estas bolsas, que son unha das principais ferramentas coas que conta o Concello para facilitar a igualdade de oportunidades e a conciliación das familias de Santiago, e que son a convocatoria de subvencións que chega a máis veciños e veciñas”.
No curso 2026/2027 a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais destinará 1.150.000 euros ás bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares, 50.000 euros máis que no curso anterior. María Rozas lembrou que “no que que levamos de mandato, incrementamos en 400.000 euros o orzamento destinado a estas axudas, que no curso 2014-2015 non chegaba aos 90.000 euros”. Ademais da aposta orzamentaria, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais incidiu en que “en cada convocatoria tratamos de mellorar ese instrumento, para que sexa cada vez máis útil para máis familias”. Así, recordou que “ao longo do mandato incrementamos as contías dalgunhas das tipoloxías de bolsas, revisamos os criterios de renda para chegar a máis familias, ou simplificamos o procedemento de xustificación”.
Pago anticipado
Nesta convocatoria, apuntou a tenenta de alcaldesa, “damos un paso máis nese obxectivo introducindo o pago anticipado para as axudas de comedor e actividades extraescolares”. O obxectivo, tal e como explicou María Rozas, “é garantirlle liquidez ás entidades colaboradoras que xestionan directamente o comedor ou as actividades extraescolares, sexan os centros ou as ANPAS, e evitar que teñan que adiantar fondos propios para sufragar os gastos deses servizos”. Desta maneira, haberá dous pagos anticipados, previa a xustificación do gasto: en setembro abonaranse as cantidades correspondentes ao periodo de setembro a decembro; e en xaneiro pagaranse as bolsas de xaneiro a abril. As mensualidades de maio a xuño pagaranse unha vez presentada e aprobada a correspondente certificación co obxectivo de regularizar o global do curso escolar, de maneira que o importe deste pago podería reducirse se existen diferenzas acumuladas coas axudas abonadas de maneira anticipada.
Prazo extraordinario de solicitude
Por primeira vez, a convocatoria introduce a posibilidade de as familias con menores que se matriculen nun centro escolar de Santiago unha vez iniciado o curso escolar soliciten as bolsas fora do prazo inicialmente establecido de dez días a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Nestes casos, a solicitude deberase presentar no prazo de 10 días hábiles contados dende a data de formalización da matrícula no centro docente. Tal e como explicou María Rozas, “o obxectivo é darlle resposta a unha realidade cada vez máis frecuente, que é a da incorporación tardía de alumnado, na súa maioría de familias inmigrantes”.
Outras novidades
No que tén que ver coas contías das bolsas, increméntase a axuda para a realización de actividades extraescolares. Así, abonarase ata un máximo de 35 euros mensuais por menor beneficiado, con independencia do número de actividades realizadas e das horas de asistencia ás mesmas. Ata o de agora, esta axuda era de 15 euros mensuais para actividades de unha hora ou un día á semana, e de ata 30 euros no caso de actividades de dúas horas ou dous días á semana.
En canto ás outras axudas, mantéñense nas contías de anos anteriores. As bolsas de comedor por escaseza de recursos cubrirán o 100% do gasto, ata 100 euros mensuais (180 euros mensuais no caso dos centros escolares de educación especial); as bolsas de comedor por razóns de conciliación serán de 45 euros mensuais; e as bolsas para a adquisición de material escolar quedan fixadas nun máximo de 100 euros nun pagamento único.
Ademais, modifícanse os requisitos específicos para acceder ás bolsas para a adquisición de material escolar e ás bolsas de comedor por razóns de conciliación, no que tén que ver cos criterios de renda. O límite máximo da renda familiar queda fixado en ambos casos en 5,5 veces o IPREM anual en 12 pagas, fronte ás 5 veces o IPREM de convocatorias anteriores, isto é, 39.600 euros anuais de ingresos netos.
No curso 2025/2026, as bolsas de comedor escolar, actividades e material escolar chegaron a case 2.000 nenos e nenas de Santiago. En concreto, concedéronse 793 bolsas de comedor por escaseza de recursos, 601 para actividades extraescolares, 272 para a adquisición de material escolar, e 272 axudas para o comedor escolar na modalidade de conciliación.

