O candidato socialista á Alcaldía pon en marcha #CompostelaéComercio, unha nova iniciativa coa que visitará establecementos de todos os barrios e sectores para coñecer a realidade do comercio compostelán e deseñar un Plan Específico con medidas concretas para dar un pulo ao comercio de proximidade.
“O comercio de barrio ten que ser piar da economía de Santiago. Queremos empresas, queremos industria, queremos tecnoloxía e innovación, pero tamén queremos comercio forte e vital. Seremos o seu mellor aliado”, asegura.
Defende que o Concello debe ser un apoio efectivo para quen sostén cada día a actividade comercial, facilitando o seu traballo e contribuíndo a que os negocios poidan consolidarse, medrar e seguir xerando actividade económica e vida nos barrios.
O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, puxo en marcha hoxe #CompostelaéComercio, unha nova iniciativa coa que visitará establecementos de todos os barrios e sectores para coñecer de primeira man as súas necesidades, preocupacións e oportunidades e deseñar un Plan Específico con medidas concretas para dar un pulo ao comercio de proximidade da cidade. “O comercio é o corazón de Compostela e imos traballar para que volva latexar con forza”, destacou Pedro Blanco durante a súa visita á Xoiería José Antonio, onde conversou coa súa xerente, Vanessa Alvite, sobre a situación do sector e os retos que afronta, acompañado da concelleira Marta Abal.
“Queremos pulsar a realidade a pé de comercio, visitar os establecementos, escoitar e tomar nota. Hai moito do que falar, pero, sobre todo, hai moito que escoitar”, explicou o candidato socialista, que incidiu na importancia de coñecer as particularidades de cada zona e actividade antes de concretar as propostas. Neste senso, advertiu de que, aínda que existen problemas e necesidades comúns, as respostas non poden ser iguais para todos. “Non necesita o mesmo o comercio dun barrio que o doutro, nin afronta os mesmos retos unha ferraxería que unha mercería. Por iso queremos chegar a todos os barrios e ao maior número posible de comercios”, sinalou.
O obxectivo é elaborar un Plan Específico para o Comercio, con medidas concretas, prazos definidos e un orzamento determinado, que permita responder ás necesidades reais dos negocios e facilite o desenvolvemento da súa actividade. “Queremos escoitar para acertar coas medidas que aplicaremos desde o noso goberno”, subliñou.
O comercio, protagonista do futuro de Compostela
Pedro Blanco reivindicou o papel do comercio de proximidade como un dos piares da economía compostelá e como parte esencial da identidade e da vida dos barrios. “Queremos empresas, queremos industria, queremos tecnoloxía e innovación, pero tamén queremos un comercio forte e vital, que sexa un piar da economía de Santiago”, afirmou.
O candidato socialista puxo en valor a capacidade do sector para adaptarse aos novos tempos sen perder aquilo que o fai diferencial: o trato persoal, a calidade do produto e a relación directa coa veciñanza. “O comercio de barrio ten que ter presente e ten que ter futuro. Somos positivos e confiamos no traballo dos miles de comerciantes que cada día levantan a persiana dos seus negocios”, destacou.
Nesa liña, comprometeuse a situar o comercio entre as prioridades do proxecto socialista para a cidade. “O comercio será protagonista do noso goberno. Serei o seu mellor aliado, vou traballar man a man con eles para que o comercio volva ser o corazón de Compostela”, asegurou. Pedro Blanco defendeu que o Concello debe ser un apoio efectivo para quen sostén cada día a actividade comercial, facilitando o seu traballo e contribuíndo a que os negocios poidan consolidarse, medrar e seguir xerando actividade económica e vida nos barrios.
Comercio a comercio e barrio a barrio
Esta nova iniciativa segue a mesma filosofía das #ConversasDeBarrio, coa que Pedro Blanco está a percorrer os barrios e as parroquias de Santiago, reuníndose con asociacións veciñais, colectivos sociais e entidades para coñecer as súas demandas e construír, de maneira compartida, un proxecto de cidade. Agora, ese modelo de escoita esténdese ao tecido comercial. As visitas combinarán o percorrido polas rúas e os establecementos coa conversa cos profesionais do sector, para recoller as súas propostas e identificar tanto os problemas compartidos como as necesidades específicas de cada negocio.
“Queremos que os comerciantes sintan que o seu Concello está con eles, que os escoita e que os apoia. O obxectivo é que, coa axuda do Concello, a súa actividade e o seu traballo sexan máis doados e dean resultados. Porque se queremos que o corazón de Compostela volva latexar con forza, temos que coidar e impulsar o comercio que lle dá vida”, concluíu.

