Este domingo 29 de decembro a partir das 12:00h na igrexa de Santa María a Maior do Rosario
San Sadurniño é terra de artistas. Levámolo dito unha chea de veces, porque é unha grande verdade e porque ademais é ben doado de demostrar. E quen o dubide, que acuda este domingo 29 de decembro ás 12:00h á igrexa de Santa María a Maior do Rosario para velo por si… mellor dito, para escoitalo e convencerse. E é que seis mozas e mozos que comparten a súa paixón pola música -incluso ata o punto de dedicarse por completo a ela- reuniranse para ofrecer o que, de seguro, será un dos mellores concertos aos que poidamos asistir en anos no noso concello. A oboísta Iria Folgado, a frautista Erika González, o chelista Víctor Rodríguez, o violinista Jaime Rodríguez, a pianista e frautista Noreia Hermida e o trombonista Gabriel Castrillón serán protagonistas dunha hora de pezas clásicas que, tamén de seguro, serán todo un deleite pola interpretación dos executantes e pola acústica do templo.
O programa consta de dez pezas que se interpretarán nuns casos a dúo, noutros indívidualmente e na parte final tamén en grupo, con arreglos de Iria Folgado nos que as músicas e músicos traballaron pola súa conta nos últimos días e que hoxe e máis mañá ensaiarán en conxunto na propia igrexa de San Sadurniño.
Algunhas das obras mestras que se poderán escoitar o domingo a partir das 12:00h serán a “Sonata de C” de Saint-Saëns e a “Sonata nº4” de Handel, a cargo de Iria Folgado e Noreia Hermida, e de Jaime Rodríguez e Noreia Hermida, respectivamente. Ademais, poderemos gozar de pezas tan recoñecidas como “Yankee Doodle” de M. Gould por Gabriel Castrillón e “Après un Rêve” de G. Fauré interpretada por Iria Folgado e Noreia Hermida.
As mozas e mozos que protagonizarán este concerto, case todas menores de vinte anos, contan cunha longa traxectoria musical malia a súa xuventude. A máis veterana é Iria Folgado, oboísta internacional nacida en San Sadurniño en 1996 que iniciou a súa formación no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol para logo proseguir na Hochschule für Musik Hanns Eisler en Berlín, ademais de ter pasado pola Karajan Academy da Filharmónica de Berlín. Na actualidade é solista de corno ingles na Konzerthausorchester de Berlín.
Os máis novos do sexteto son Jaime Rodríguez Rico (2007), violinista de Lamas que se confirmou como un talento emerxente dentro do trío Tenuto, e Gabriel Castrillón (2007), trombonista de Naraío que arestora está completando o seu grao profesional no conservatorio Xan Viaño de Ferrol, onde tamén se formou Rodríguez.
A participación de novos talentos complétase con outras figuras destacadas da música local como son Noreia Hermida (Ferreira, 2003), quen estuda o 4º de Bachelor nas especialidades de frauta traveseira e piano entre Holanda e Coruña; Erika González (Lamas, 2005), frautista que cursa os seus estudos superiores en Córdoba; e Victor Rodríguez (2005), cellista de Lamas que actualmente estuda en Salamanca tras iniciarse no conservatorio das Pontes.
Tal e como explica o alcalde, Secundino Garcia, a idea dun concerto compartido polos seis intérpretes locais “era algo que había tempo que viñamos pensando, pero non foi ata este ano cando se deron as circunstancias para podelo levar a cabo”.
O rexedor destaca o “grande nivel” das músicas en músicos locais, ademais de agradecerlles “o seu compromiso e a súa colaboración para facer posible este concerto. Todas e todos colleron a idea con entusiasmo e están dedicándolle tempo para ofrecerlles ás súas veciñas e veciños toda unha delicatessen musical. Vai ser unha velada inesquecible e seguramente única en anos, porque non é habitual xuntar tanto talento e calidade nun mesmo lugar e cun mesmo repertorio”, comenta o alcalde.
Que ninguén perda a oportunidade de asistir ao concerto. Lembrade: domingo 29 de decembro, 12:00h, igrexa de Santa María a Maior de San Sadurniño. Entrada libre.