Home A Coruña O Seminario de Onomástica responde: Zas |Xosé María Lema

O Seminario de Onomástica responde: Zas |Xosé María Lema

- Anuncio -

Ata datas recentes dábase por certa a hipótese de que Zas era un topónimo de orixe xermánica a partir do étimo SALA ‘pazo ou residencia principal’. Pero, investigacións recentes rexeitaron a interpretación clásica que se lle daba a este nome que identifica un dos concellos da Terra de Soneira, así como unha das súas parroquias. O académico correspondente Xosé María Lema explica neste novo capítulo da serie O Seminario de Onomástica responde da Real Academia Galega, estreado este 4 de novembro, cal é a principal hipótese para dar sentido ao topónimo Zas.

Transcrición do episodio
O Concello de Zas, na Terra de Soneira, tomou este nome do lugar e parroquia de Santo André de Zas, que en 1836 foi escolleita como capital municipal. Hai dous topónimos máis en Galicia con este nome: San Mamede de Zas, no val de Barcala, no concello de Negreira; e San Xiao de Zas de Rei, na Terra de Melide. Quizais por iso, durante un tempo, finais do XIX e principios do XX, este concello foi coñecido como Zas de Carreira, e iso seguramente foi debido a que desta parroquia de Carreira, que está no propio concello, procedía un poderoso secretario municipal que despois foi alcalde durante 22 anos, a finais do XIX e principios do XX. Mesmo a casa consistorial estivo en ocasións na súa propia casa.

No tocante á etimoloxía de Zas, dábase por certa a hipótese do filólogo alemán Joseph Piel, de que procedía do xermano *sala, que significa ‘pazo ou residencia principal’. Esta si é a orixe certa do melidense Zas de Rei porque se documenta en latín na época medieval como Saas e Salas (Sancti Iuliani de Saas de Rege, en 1177; e Sancto Iuliano de Salas de Rege, en 1225), o que permitiu identificar o plural de sala con presenza na toponimia coas formas Sá e Saa.

A etimoloxía do Zas melidense aplicouse a eses dous topónimos, pero a documentación medieval demostrou que non era así. O do Val de Barcala documentouse como San Mameto de Saz en 1208; e tamén o soneirán aparece coa grafía Saz en varios documentos medievais: no século XIII aparece Johannis Petri de Saz, en 1207 e 1220; e Afonsus Iohannis de Zas en 1230. No século XIV aparece Gundisalvus de Saz, en 1308; Johan Gonçalves de Saz e a súa filla Lionor Gonçalues de Saz en 1334. E o nome da parroquia, Sancte Andree de Saz, en 1390.

Estes rexistros levaron ao filólogo Paulo Martínez Lema na súa tese de doutoramento a rexeitar a orixe do xermánico *sala, e pensar noutra posibilidade. Esa podería ser o fitónimo latino SALIX ‘salgueiro’, pero non no derivado *SALICARIU, que orixinou o nome común galego ‘salgueiro’, senón no acusativo SALICE, que foi o que deu a palabra común en castelán ‘sauce’. Isto explicaría que a partir da forma latina SALICE no paso do latín ao galego coa caída do -l- intervocálico pasaría a ser a forma Saaz primeiro e despois Saz.
Por outra parte, recoñece a mesma orixe a partir de SALICE en vilas españolas como Valdesaz de los Oteros (León) e Fuente el Saz de Jarama (Guadalajara). Na páxina web deste último concello lemos o seguinte: “Nos imaginamos que un sauce situado en la zona próxima a la fuente dio en su día el nombre al pueblo, Fuente del Sauce”.

A grafía medieval Saz, xa alternando agora con Sas, manterase en documentos en castelán ao longo dos séculos XVI, XVII e no primeiro terzo do XVIII: en 1561 un documento fala dos coutos de “Sas y Brandomil” e tamén da “torre y palacio de Saz”; en 1606, nas tapas do libro do sacramento da parroquia aparece “S. Andres de Saz”; o visitador Jerónimo del Hoyo escribe Sas para o soneirán e Saz para o barcalés. Por outra parte, nos mapas máis antigos do reino de Galicia, como son o de Fernández Oxea de 1598 e 1603, aparece a grafía Saaz e Saas. Noutros do século XVII, como poden ser o de Giacomo Cantelli da Vignola (1696), tamén aparece así, Saas.

Grosso modo, as grafías Saz e Sas manteranse polo menos ata 1727, que é cando empeza a aparecer a grafía actual, Zas. Esta grafía actual de Zas xeneralízase a partir da década de 1740-1750, mesmo no Catastro de Ensenada de 1753. Pero neste contexto, no ano 1745 vai aparecer nun dos libros parroquiais un dato importante: un visitador pastoral escribe en castelán no libro do auto de visita San Andres de Sauces, o que indica que este visitador, que seguramente era un eclesiástico de cultura superior á habitual, tiña clara a etimoloxía do topónimo ou quería deixar constancia de que a grafía que se estaba impoñendo, Zas, non respondía á documentación histórica. Isto reforza totalmente a hipótese de Martínez Lema de que procede de SALICE ‘salgueiro’.
Para explicar o paso Saaz > Zas, o filólogo Martínez Lema considera que é unha ultracorrección do seseo. Desde logo, segundo o mapa de Fernández Rei de 1990, por este territorio da Terra de Soneira e, en particular polo concello de Zas, pasa a isoglosa de seseo e non seseo.

Reforzando a hipótese fitotoponímica de Martínez Lema diremos que o núcleo orixinario de Zas non é este que vemos a un e outro lado da estrada xeral de Santiago a Baio, porque neste aínda se empezaron a construír as casas a partir de 1898, cando se abriu esta estrada. Neste núcleo máis moderno construiríase aínda en 1951 a casa da concello, un fermoso edificio que nos recorda pola súa forma ás Torres do Allo. Durante case 100 anos a casa do concello foi itinerante por diversas casas particulares, moitas delas pertencentes aos sucesivos alcaldes, segundo as investigacións realizadas nas actas municipais polo investigador Evaristo Dominguez Rial en Zas polo miúdo.

O núcleo primitivo de Zas, de rúas máis estreitas e máis irregulares, con casas máis antigas, é o que queda entre a igrexa parroquial e o río tamén chamado Zas. Esta igrexa parroquial foi reconstruída a cimentis en 1540 polo fidalgo Álvaro Núñez de Lamas, que deixou no interior da igrexa, na capela maior, as tumbas da súa nai Constanza López de Lamas e a súa propia. Unha desas tumbas atópase no exterior, que é a da súa nai, Constanza López de Lamas, e nela apréciase o escudo dos Lamas, que ten unha torre con dous cans ao seu pé. Este brasón dos Lamas, ao seren orixinarios deste concello, topouse como o motivo principal do escudo do concello de Zas.

Ao remate do que consideramos núcleo primitivo de Zas, que se atopa na zona sur a carón do río, medran abundantes salgueiros e outras árbores de ribeira. Nun documento de 1880 das actas municipais, indicábase que este lugar era pantanoso e que se inundaba facilmente. Un pouco máis adiante, río arriba, atópase o lugar onde se celebra a Festa da Carballeira de Zas, na primeira semana de agosto, que é un festival de música folk internacional. Nesta zona segue habendo salgueiros e outras árbores de ribeira.

Por outra parte, o apelido Zas lévano en Galicia unhas 1550 persoas, con dúas bolsas principais: unha delas, arredor da cidade da Coruña, nos concellos de Arteixo, A Laracha e a propia A Coruña, onde o levan, de primeiro e de segundo, 900 persoas. A outra bolsa é nos concellos de Sobrado e Friol. Na primeira das bolsas, é probable que o Zas soneirán influíse para que tomasen o apelido esas persoas. Na segunda foi, sen dúbida ningunha, o de Zas de Rei. É curioso que no propio concello de Zas non o leve ninguén.

Relacionadas

Incendio nun domicilio abandonado na rúa Bordel, no concello de Padrón

0
Os bombeiros do parque Provincial de Boiro participaron ao redor das 15:00 horas desta tarde nun operativo dirixido a sufocar un lume orixinado nunha...

“FolkXove”: os Orzamentos Participativos achegan a mocidade á cultura tradicional

0
O Centro Xove da Almáciga acollerá o próximo sábado, 23 de novembro, a xornada “FolkXove”, unha iniciativa que nace dos Orzamentos Participativos da área...

Semana europea da prevención dos residuos

0
Arrancan nos colexios de Neda as charlas de reciclaxe con motivo da celebración da Semana europea da prevencións dos residuos. O CEIP de Maciñeira...

O Coworking da Pobra recibe a visita de alumado do IES Espiñeira

0
Nova xornada de encontro no Coworking da Pobra con alumnado de centros educativos. Catorce estudantes do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES...

O programa socioeducativo Espazo nas Escolas chega por terceiro ano consecutivo aos centros públicos...

0
Por terceiro ano consecutivo, o Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha o servizo Espazo nas Escolas coa colaboración da Asociación Socieducativa Antonio...

Diana Cabanas reafirma o “compromiso co talento feminino” do Goberno de Inés Rey

0
A concelleira participou na xornada polo Día Internacional da Muller Emprendedora organizado pola Fundación Mujeres no centro Accede Papagaio A concelleira de Emprego, Comercio e...

Publicacións Relacionadas