Un grupo de integrantes da UNED Sénior Coruña visitou esta mañá o museo das Minas de San Finx, onde mantivo unha reunión cos seus compañeiros da UNED Sénior de Lousame. O alcalde de Lousame, Esteban Ares, desprazouse ata o poboado mineiro para recibir aos integrantes da UNED Sénior, aos que felicitou polo seu interese en seguir enriquecendo os seus coñecementos nunha iniciativa que promove o desenvolvemento persoal e as relacións interpersoais entre persoas maiores de 55 anos.
Neste sentido, moitos dos presentes visitaron por primeira vez o poboado mineiro das minas de San Finx, realizando un percorrido guiado polas instalacións da man de Mayte Sobradelo, licenciada en historia e técnica municipal do Concello de Lousame. Unha visita na que coñeceron tanto a historia das minas como a súa evolución ao longo dos anos, así como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor este patrimonio.
Así, os maiores da UNED Sénior realizaron esta mañá un percorrido polos edificios que formaron parte do complexo e que se sitúan no antigo poboado mineiro. Nun privilexiado entorno natural declarado Lugar de Interese Xeolóxico, accederon aos talleres, á sala de compresores, ao cuartel vello e ao centro de interpretación, descubrindo a historia dun xacemento de volframio e casiterita desde a chegada de empresarios ingleses a finais do século XIX ata os anos 90 do XX pasando pola época de explotación da II Guerra Mundial.



