A piscina municipal abre hoxe as súas portas para a tempada de verán
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, presentou esta mañá a programación do Verán 2025, un conxunto de actividades dirixidas ás familias e que combina iniciativas de conciliación familiar con cursos de natación e inglés, actuacións teatrais e música e cine ao aire libre. Agrafojo estivo acompañada na presentación polos técnicos municipais de Cultura, Eduardo Agraso; Deportes; Germán Romero; e Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral.
“Somos un concello rural e pequeno, de pouco máis de 3.000 habitantes, e conseguir que case trescentos nenos e nenas teñan unha praza nunha actividade de verán e de conciliación no concello é para min un auténtico orgullo”, sinalou a concelleira, quen recoñeceu que “todo isto non sería posible sen o traballo dos técnicos municipais e sen a colaboración do voluntariado, aos que temos que dar as grazas. E aos veciños e veciñas animalos a participar nas actividades de verán”.
Inicio dos cursos de natación e Lousame Concilia
A programación do Verán 2025 arrinca hoxe martes 1 de xullo coa apertura da piscina municipal e o inicio dos cursos de natación, “nos que se cubriron as 80 prazas dispoñibles”, confirma Germán Romero. Uns cursos de iniciación e perfeccionamento que terán lugar nos meses de xullo e agosto na piscina municipal, en horario de mañá e de luns a xoves, “xa que as mañás dos venres están reservadas para o alumnado do Lousame Concilia”, especifica o técnico municipal de Deportes.
De feito, hoxe tamén deu comezo o programa de conciliación familiar “Lousame Concilia Verán”, no que participan un total de 55 nenos e nenas. “En principio había ofertadas 40 prazas, pero dende o Concello fixemos o esforzo por chegar ata os 55 rapaces e rapazas para poder así dar resposta a todas as familias de Lousame que solicitaron participar neste programa de conciliación que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto, en horario de 9:30 a 14:30 horas”, explica Silvia Agrafojo.
En agosto chegarán os campamentos do “Verán Activo”, que xa cubriron as 50 prazas ofertadas con nenos e nenas empadroados en Lousame. Uns campamentos que terán lugar do 18 ao 22 de agosto, de 9:00 a 20:00 horas, e que inclúen actividades lúdicas como piscina, sendeirismo, zumba, inchables, obradoiros, teatro… con saídas ao Museo de Automoción e Historia ou ao Aquapark.
Na primeira semana de agosto volverán tamén as “Actividades lúdicas en inglés”, dirixidas a nenos e nenas de 6 a 11 anos. “O Concello de Lousame conta cun programa de voluntariado europeo no que cada ano participan dúas persoas. Así, contamos con dúas voluntarias de Armenia e de Bulgaria, polo que imos organizar unha nova edición das Actividades Lúdicas en Inglés que tiveron unha gran aceptación en anos anteriores”, explica Xosé Manuel Outeiral. Terán lugar no local social do Sanguiñal, en horario de 10:30 a 13:30 horas, e o Concello ofrecerá 30 prazas. O prazo de inscricións abrirase a principios deste mes de xullo.
Outras actividades
A estas actividades tradicionais do Verán lousamiá hai que engadir este ano outras como varias sesións de Noites de Cinema ao aire libre, nos meses de xullo e setembro. As sesións de xullo terán lugar no exterior da Casa da Cultura de Lousame, ás 22:30 horas, os días 28 e 30 de xullo. O luns 28 será a quenda de “+Cuñados”, mentres que o mércores 30 de xullo o filme a proxectar será “La patrulla canina”. Un programa no que o Concello de Lousame conta co apoio da Deputación da Coruña.
A maiores, para agosto está prevista unha actuación teatral do Centro Dramático Galego, pendente de fixar a data; e para setembro queda a tradicional homenaxe a Prudencio Romo, así como un obradoiro de animación á lectura para os máis pequenos da casa.
Apertura da piscina
A presentación do Verán 2025 tivo lugar na piscina municipal de Lousame, que hoxe abre as súas portas para a temporada de verán. O horario será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a domingo. As entradas e os bonos de acceso poden adquirirse na Casa do Concello, en horario de 8:00 a 14:00 horas, se ben tamén hai posibilidade de conseguir un pase individual dun día facendo unha transferencia bancaria polo importe da entrada dende a propia piscina municipal, onde hai un panel informativo de como proceder nestes casos.
Como en anos anteriores, os veciños e veciñas de Lousame poden optar por abonos de tempada ou por entradas puntuais. En ambos os dous casos, os menores de 6 anos teñen a entrada de balde. No caso dos abonos de tempada, os prezos son de 15 euros (rapazada entre 7 e 15 anos e maiores de 65) e 20 euros para o resto. No caso das entradas puntuais, o prezo será de 1 euro (de 7 a 15 anos e maiores de 65) e 2 euros para os demais. Así mesmo, o Concello de Lousame establece unha tarifa reducida para persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social, previo informe dos Servizos Sociais municipais, e para familias numerosas.