O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, foi o encargado de entregarlle o seu segundo galardón ao xornalista
O xornalista Xabier Lama López proclamouse gañador dos XXXII Xogos Florais de Maria Pita, que celebraron esta tarde no Teatro Colón a cerimonia de entrega de premios. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo mestre da Real Orde de Cabaleiros de María Pita, José Duarte, foi o encargado de entregarlle o galardón, que acadou polo seu poema ‘Patria Lugrís da melancolía’. É a segunda ocasión na que o xornalista acada este premio.
”A Coruña é unha cidade que coida as súas tradicións e ás entidades que as promoven; por iso desde o Goberno de Inés Rey seguimos a manter vivo o legado destes Xogos Florais xunto coa Real Orde de Cabaleiros de María Pita”, indicou Gonzalo Castro. Por outra banda, Ulises Guillermo Río Espinosa, de oito anos, gañou o premio da categoría junior co traballo ‘Abecedario fresco trovadoresco’. Trátase do premiado máis novo de todas as edicións.
A Real Orde de Cabaleiros de María Pita dedicou esta edición á figura do pintor Urbano Lugrís, tras cumplirse medio século do seu falecemento. A poetisa Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, foi a presentadora da cerimonia, que contou coa actuación da Tuna de Veteranos da Coruña. “Esta iniciativa conta con todo o apoio do Concello, como corresponde dentro da nosa idea de dotar á cidade dunha riquísima axenda cultural, que sexa diversa nas súas dimensións e públicos e na que a lóxica ambición global en ningún caso deixe atrás á nosa identidade local”, dixo Castro.