- Os exercicios remataron esta mañá e serviron para avaliar as habilidades dos candidatos en rescate en espazos confinados, traballo en altura e instalación de mangueiras
- Os aspirantes compiten por 37 prazas para reforzar os seis parques comarcais. O proceso completarase cunha proba de lingua galega, un test psicotécnico e a valoración de méritos
- A institución provincial reservará nos Orzamentos de 2027 fondos para avanzar na integración dos GES no Consorcio, reforzar o persoal do grupo de Cervo e impulsar o futuro parque de bombeiros da Montaña
Un total de 75 aspirantes veñen de superar unha das últimas fases do proceso selectivo para cubrir 37 prazas de bombeiro-condutor do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo. Trátanse das probas físico-profesionais que se desenvolveron no Parque de Bombeiros de Lugo do 10 ao 12 de novembro (ambos incluídos). Os candidatos demostraron as habilidades e destrezas necesarias para o desempeño das funcións propias do servizo a través de tres exercicios: rescate en espazos confinados, traballo en altura e instalación de mangueiras.
A primeira proba consistiu nunha práctica en espazos confinados. Os aspirantes accederon a un recinto con visibilidade reducida e localizaron e rescataron un boneco situado no seu interior. O exercicio permitiu comprobar a súa capacidade de orientación e resposta en ambientes pechados e escuros, así como a súa aptitude para realizar tarefas de salvamento.
A segunda proba avaliou a capacidade para o traballo en altura mediante a subida e baixada dunha autoescada duns 20 metros de lonxitude. Durante o percorrido, os candidatos debían identificar unha inscrición alfanumérica desde a altura, comunicala ao persoal situado na cesta e realizar un nó de seguridade con corda de escalada.
Por último, a proba de instalación de mangueiras que consistiu en montar e conectar as mangueiras ao camión de bombeiros. Unha vez preparada a instalación, os aspirantes debían abrir o paso da auga e utilizar a mangueira para derrubar un obxectivo situado a dez metros de distancia.
37 prazas para os seis parques comarcais
Este proceso selectivo permitirá incorporar 37 bombeiros-condutores aos parques comarcais de Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos e Chantada. Do total de prazas convocadas, 26 son de nova creación e 11 corresponden a vacantes.
A distribución prevista contempla catro incorporacións en cada parque, agás nos de Vilalba e Monforte de Lemos, que sumarán cinco efectivos cada un.
A convocatoria iniciouse en setembro cun exame teórico e 233 aspirantes. Posteriormente, 104 superaron as probas físicas celebradas os días 14 e 15 de outubro nas instalacións deportivas da Pinguela, en Monforte de Lemos. Desta cifra, foron 101 candidatos os que se presentaron finalmente á convocatoria das probas físico-profesionais.
Últimas fases do proceso selectivo
Unha vez finalizadas as probas físico-profesionais, o proceso continuará coa proba de lingua galega e un test psicotécnico. Posteriormente, publicarase a listaxe coa puntuación final da fase de oposición e abrirase un prazo de cinco días hábiles para que as persoas aspirantes presenten a documentación acreditativa dos méritos, entre os que se valorará a experiencia profesional en servizos de emerxencias.
Máis efectivos e melloras para reforzar a resposta ás emerxencias
A incorporación dos 37 novos bombeiros-condutores permitirá reforzar os cadros de persoal dos seis parques comarcais da provincia, cubrir as vacantes existentes e dotar o servizo de novos efectivos para mellorar a súa capacidade de resposta ante incendios e outras situacións de emerxencia. Trátase dun dos compromisos adquiridos no marco do novo convenio e a nova relación de postos de traballo do Consorcio aprobados durante o ano 2025. Actualmente, o a cadro de persoal do Consorcio conta con 120 prazas.
O aumento do persoal dos parques comarcais de Bombeiros súmase a outras actuacións levadas a cabo para mellorar a estabilidade e seguridade laboral.
Algunhas desas melloras consistiron nun aumento salarial anual de 6.000 euros na categoría de bombeiro, na redución de 158 horas anuais, o recoñecemento como persoal laboral fixo de traballadores con contrato indefinido no momento da subrogación que se produzo o 1 de maio de 2019, permisos e licenzas, melloras no equipamento e na roupa de traballo, redución da mobilidade entre parques comarcais, axudas sociais e disposición de asuntos propios.
Novos compromisos para reforzar os servizos de emerxencias da provincia
A Deputación de Lugo incluirá nos Orzamentos de 2027 a partida económica que lle corresponde para avanzar na integración dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) no Consorcio Provincial de Bombeiros, tal e como se comprometeu a presidenta, Carmela López. A institución provincial está á espera de que a Xunta de Galicia responda á petición de entrevista para abordar esta cuestión e avanzar no diálogo entre ambas administracións.
As contas do vindeiro ano tamén contemplarán fondos para reforzar o GES de Cervo, pasando de 12 a 18 traballadores, e para redactar o proxecto dun futuro parque comarcal de bombeiros na Montaña, co obxectivo de mellorar a atención ás emerxencias nesta zona da provincia.

