A Bienal de Pontevedra acada repercusión internacional coa súa aparición en portada en Le Quotidien de l’Art, un dos medios de referencia do mundo da arte

adminON

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación e artífice da recuperación cultural: “Situamos Pontevedra no mapa da arte contemporánea internacional cun proxecto ambicioso e comprometido co noso tempo”

A 32ª edición da Bienal de Pontevedra está a acadar un eco internacional histórico. A prestixiosa cabeceira francesa Le Quotidien de l’Art, considerada o diario de referencia no mundo da arte contemporánea en Europa, dedicoulle a súa portada e un amplo artigo na súa edición impresa, destacando o renacer da cita galega tras quince anos de silencio e a súa capacidade para “colocar Pontevedra no centro da actualidade”.

Na súa crónica, o xornal francés sinala que a mostra, titulada Volver a ser humanos, ofrece “un percorrido internacional con 60 artistas que reflexionan sobre o estado do mundo e os seus conflitos”, destacando a súa aposta pola empatía e o compromiso social. O artigo eloxia a aposta pola descentralización da mostra, o uso de espazos patrimoniais como o Museo de Pontevedra ou a igrexa do Convento de Santa Clara, e a presenza de obras de artistas de referencia internacional como Eva Kotátková, Raida Adon, Miki Kratsman, Marina Núñez ou Damian Ucieda.

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra, destacou que “a Bienal é hoxe un escaparate de Galicia para o mundo. Apostamos pola calidade, pola diversidade e pola conexión co presente. Le Quotidien de l’Art confirma que estamos a facer as cousas ben, e que Pontevedra ten hoxe un lugar lexítimo no gran mapa da arte contemporánea europea”.

A Bienal prolongarase durante todo o verán e conta cun programa expandido por toda a provincia. O seu lema Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais articula un discurso estético e ético que interpela ao público e sitúa a creación artística como ferramenta de transformación e diálogo.

Con esta proxección internacional e un programa comprometido co tempo presente, a Bienal de Pontevedra reafírmase como unha das grandes citas culturais de Galicia e un proxecto estratéxico da Deputación para posicionar a provincia como referente da arte contemporánea no ámbito estatal e europeo.

Comparte este artigo