O Museo de Pontevedra ofrece visitas guiadas ás ruínas de martes a venres ás 12:00 h
A Deputación de Pontevedra volve abrir este sábado as Ruínas de San Domingos, o máis antigo dos sete edificios que conforman o Museo de Pontevedra. As Ruínas abrirán do 15 de marzo ao 31 de outubro. O horario de apertura é de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h. Os domingos e festivos abren só de mañá, de 11:00 a 14:00 h, e os luns permanecen pechadas.
O Museo ofrece de martes a venres un servizo de visitas guiadas ás Ruínas, a cargo do equipo de Educación. Trátase dun percorrido de 30 minutos de duración no que se explica a historia e o valor patrimonial do edificio, así como das pezas alí expostas. É de balde e non é necesaria a inscrición previa.
As ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade de Pontevedra. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.