Trátase do Plan +Xuventude, a primeira liña de axudas da historia da Deputación dirixida á mocidade que, neste 2024, distribuirá 100.000 € entre os colectivos xuvenís provinciais
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra acaba de publicar as bases que regulan a convocatoria do Plan +Xuventude, a primeira liña de axudas da historia da Deputación dirixida á mocidade da provincia que se enmarca no servizo de Xuventude creado polo goberno de Luis López e liderado polo deputado Jorge Cubela. O programa, dotado con 100.000€, distribuirá a cada asociación xuvenil un máximo de 5.000€ para poñer en marcha iniciativas de interese social e as entidades poderán presentar a súa solicitude a partir deste venres 16 de febreiro.
As axudas do Plan +Xuventude están dirixidas a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro prestadoras de servizos dirixidos á xuventude e grupos formados por entre 3 e 8 persoas de entre 18 e 35 anos que propoñan a realización dun proxecto de interese xeral e social. As propostas deben favorecer e promover o desenvolvemento persoal e comunitario, contribuír ao empoderamento xuvenil, á formación en valores, á consecución de hábitos saudables, e enriquecer a vida social, económica, científica e cultural da provincia.
Deste xeito, pódense presentar á convocatoria proxectos englobados en diferentes áreas: Iniciativa empresarial; vida saudable e loita conta a violencia e conductas de risco; fomento da cultura en todas as súas áreas, da innovación así como a promoción de sectores coma o científico, tecnolóxico e dixital, as ciencias xurídicas e as sociais; creación de Consellos Locais de Xuventude e o fomento do asociacionismo e voluntariado xuvenil; promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural, a loita contra a soidade non desexada, así como proxectos que teñan impacto no rural dende a perspectiva de reto demográfico, e protección do medio ambiente e loita contra o cambio climático.

