Son catro propostas diferentes para nenas e nenos de 6 a 12 anos, con quendas semanais ao longo dos meses de xullo e agosto
A Deputación volve ofrecer este verán obradoiros infantís no Museo de Pontevedra para as mañás dos meses de xullo e agosto, dirixidos a nenas e nenos de 6 a 12 anos de idade. Serán catro obradoiros, cada un deles en dúas quendas, nos que a rapazada se achegará de maneira lúdica e creativa ás propostas artísticas presentes na 32ª Bienal de Pontevedra, ademais de celebrar o centenario do nacemento de Cerámica Celta.
Do 1 de xullo ao 29 de agosto, cada semana un grupo de rapazas e rapaces participarán nunha das quendas dos catro obradoiros que se ofrecen. Todos son de balde, contan con 15 prazas e se desenvolverán de martes a venres entre as 11:00 e as 13:00 h. A inscrición ábrese o martes 17 de xuño ás 10:00 h, e as prazas atribuiranse por orde de entrada da solicitude.
Estes son os obradoiros que se ofrecen:
Instalación Colectiva: unha Ollada ao Futuro. Do 1 ao 4 de xullo e do 8 ao 10 de xullo. Neste taller abordarase a instalación artística como medio de expresión de arte e traballo conxunto. A través do xogo e a experimentación, as nenas e nenos crearán un mural colectivo do futuro que imaxinan, baixo as premisas de paz, esperanza e empatía e partindo das obras expostas na Bienal de Pontevedra. Actividade impartida por Alba Santa.
Campamento Feitiño da Paz. Do 15 ao 18 de xullo e do 22 ao 24 de xullo. Taller artístico e lúdico onde se explorarán formas creativas de resistir á violencia e construír a paz desde o tenro, o divertido e o colectivo. Ao longo dunha semana, o grupo imaxinará e dará forma a unha “resistencia adorable” construíndo unha cidade de cartón, habitada por personaxes pacificadores, casas-refuxio, máquinas de empatía, flores heroicas e pancartas ilustradas. Actividade impartida por Lili Algo.
Cerámica Celta. Do 29 de xullo ao 1 de agosto para nenas e nenos de 6 a 9 anos e do 5 ao 8 de agosto para os de 9 a 12 anos. Asorey, Castelao, Maside, Carlos Sobrino, Acuña ou Bonome foron algúns dos artistas que participaron nos deseños da Cerámica Celta, dirixida por Ramón Diéguez Carlés. Este ano conmemórase o seu centenario con este obradoiro no que as nenas e nenos participantes modelarán, decorarán e darán cor ás súas propias pezas cerámicas. Actividade impartida por Teresa Pece.
Crea a túa Arte a través da Bienal. Do 19 ao 22 de agosto e do 26 ao 29 de agosto. Un obradoiro para implicar á rapazada no mundo no que vivimos a través da Bienal de Pontevedra. A partir das obras de Rosalind Nashashibi, Manuel Vilariño, Diana Larrea e Fritzia Irizar, as nenas e nenos participantes desenvolverán a súa creatividade e o seu espírito crítico a través do debuxo, o traballo con material de refugallo e a escritura. Actividade impartida por Leucoíña Pasea.