Rafa Domínguez remarcou a singularidade da proba, que terá lugar os días 7 e 8 de xuño e que “se desenvolve por paisaxes variadas e inesquecible ao longo das tres, catro e seis etapas da competición”
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este xoves na presentación da novena edición da Épica Pontevedra, que se celebrou no Salón de Plenos do Pazo provincial. “Unha proba única en Galicia e case poderíamos dicir que tamén a nivel nacional”, salientou Domínguez, “que volve este ano como unha das máis emocionantes de cantas se celebran neste territorio, nesta provincia extraordinaria que é tamén a provincia do deporte”.
Rafa Domínguez asegurou que “esta proba ten a singularidade de desenvolverse por paisaxes variadas e inesquecibles e ao longo das tres, catro e seis etapas da competición: lugares e recursos como A Canicouva e o parque forestal da Fracha, con vistas da ría de Vigo, a Pedra Filga en Caldas, o Monte Xiabre, a Vía Verde do Salnés ou o val do río Umia”, co que se converte “nun reto pero tamén nun agasallo para a vista e un verdadeiro escaparate de todo o que esta provincia ofrece”. Por iso, asegurou o vicepresidente provincial, “para a Deputación sería unha irresponsabilidade non apoiar unha competición que volverá ser un éxito e virá confirmar a importancia de favorecer o desenvolvemento do deporte e a captación de grandes eventos deportivos para impulsar a nosa economía”.
Tal e como se detallou no acto de presentación desta nova edición da Épica Pontevedra, a proba de ciclismo, concretamente ‘non stop MTB’, chegará á cidade e comarca de Pontevedra e ás de Caldas e do Salnés a fin de semana do 7 e 8 de xuño con participantes individuais, por parellas ou equipos de tres nas súas modalidades de 300, 200 e 100 km.