As axudas, que este ano contan cun orzamento 50.000 euros maior que no 2024, poden solicitarse desde este luns 10 de marzo a través da sede electrónica da institución provincial
A Deputación de Pontevedra acaba de activar as axudas destinadas aos clubs deportivos da provincia e federacións autonómicas e españolas para posibilitar a organización de competicións deportivas na provincia durante o 2025. Esta liña está dotada con 550.000 euros, 50.000 euros máis que no 2024, e as axudas poden solicitarse desde este mesmo luns, 10 de marzo, a través da sede electrónica da institución provincial.
Estas axudas distribúense en 300.000 euros para a organización de competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional, encadradas nas tipoloxías de campionato ou copa de España, de Europa ou do Mundo, e tamén competicións ou eventos deportivos de ámbito internacional (nas que está aberta a participación a equipos, seleccións ou deportistas procedentes doutras federacións distintas ás españolas) e de alto impacto (os de maior escala, que xeren un impacto significativo tanto no ámbito económico como no social). Neste caso, o importe máximo da subvención será de 25.000 euros.
Pola súa banda, os 250.000 euros restantes serán para as competición oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na primeira das liñas. A principal novidade deste ano é o aumento do importe desta segunda liña, en 50.000 euros, e o incremento da axuda máxima que poden recibir as entidades beneficiarias da mesma, que pasa dos 6.000 euros do ano pasado aos 12.500 euros desta edición.
O procedemento de concesión das subvencións levarase a cabo en réxime de concorrencia competitiva e cos recursos destas axudas poderanse financiar gastos federativos (os emitidos polas federacións deportivas da competición ou do evento deportivo subvencionado); de viaxe (desprazamentos, aloxamento e manutención); de organización ou relativos a calquera servizo contratado para planificar, organizar e executar a competición; publicitarios; sanitarios, de material e premios.
O prazo para solicitar as axudas, que se abre este mesmo luns 10 de marzo, é de 20 días hábiles e as bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.