A Deputación analiza os desafíos e oportunidades da comarca do Salnés para incorporar na Axenda Urbana e Rural da Provincia de Pontevedra

adminON
Lectura mínima de 3

O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, inaugurou este xoves a última mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia na que participaron rexedores, concelleiros, técnicos e representantes do tecido asociativo do Salnés

“A nosa acción de goberno está rexida polo apoio, atención e escoita aos 61 concellos da provincia e por iso estamos aquí, tendendo a nosa man para construír a folla de ruta do futuro desta provincia”, asegurou o deputado provincial

A Deputación de Pontevedra acaba de celebrar en Cambados a última mesa de traballo para avanzar na Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra (AUPO 2030), tras pasar xa polas comarcas de Pontevedra, Vigo, Caldas, O Morrazo e O Deza. O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e da Finca Areeiro, Javier Tourís, foi o encargado de inaugurar esta última xornada na que puxo en valor a necesidade de “traballar nun proxecto conxunto e compartido de futuro para a provincia vertebrado arredor da Axenda 2030”.

No encontro celebrado en Cambados déronse cita rexedores e concelleiros da comarca do Salnés, técnicos e profesionais da administración local e representantes do tecido asociativo desta área. “Está representada unha parte moi importante do noso territorio porque é a nosa vontade escoitar aos concellos, pero tamén a entidades e organizacións da sociedade civil que estades a levar a cabo proxectos e actuacións fundamentais para o impulso da nosa provincia. Queremos tender pontes con todos vós para deseñar unha estratexia transversal que recolla os desafíos e oportunidades para o futuro da provincia de Pontevedra”, remarcou Javier Tourís.

A Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra recolle os desafíos que debe afrontar este territorio así como as oportunidades que ten para impulsar un novo modelo centrado na atención ao medio rural e en desenvolver todo o potencial das súas cidades. O obxectivo principal é converter á provincia de Pontevedra nun lugar que aposta pola sustentabilidade no económico, social e medioambiental, que coida da súa veciñanza e ofrece servizos de calidade en todo o seu territorio.

Comparte este artigo