Alumnado de Pontevedra e de Bueu fíxose co 1º e o 2º premio da convocatoria, este ano dedicada a poñer en valor a obra de Castelao coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento
A Deputación de Pontevedra acaba de anunciar os centros gañadores do concurso Micromuseo, o certame de microrrelatos audiovisuais convocado polo Museo de Pontevedra que busca implicar a comunidade escolar no descubrimento do patrimonio cultural da provincia. O alumnado do IES Luís Seoane de Pontevedra fíxose co primeiro premio co traballo “Castelao no castelo”, mentres que o alumnado do IES Illa de Ons de Bueu acadou o segundo premio co microrrelato “Superviventes”. O concurso dedicouse este ano ao descubrimento da obra de Castelao, coincidindo co 75 aniversario do falecemento desta figura indispensable para o museo en particular e, en xeral, para a cultura galega.
Puideron participar en Micromuseo estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros escolares situados na provincia de Pontevedra. O alumnado tivo que presentar un microrrelato en lingua galega en formato audiovisual de non máis de 120 segundos, para o que tivo que buscar e indagar sobre algunha das pezas pertencentes á obra do escritor, político e artista galeguista que se custodian e expoñen no Museo de Pontevedra.
O primeiro premio acadado polo IES Luís Seoane está dotado de 2.000 euros, mentres que o segundo premio ten un valor económico de 1.000 €. Con estes recursos os centros poden adquirir material, realizar saídas educativas, entregar bolsas ao alumnado ou realizar outras actividades relacionadas coa súa programación. Ademais, cada premio vai acompañado dun lote de libros do Museo relacionados con Castelao.