O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou os eventos que reciben axudas a través desta liña, que medra 5.000 euros respecto ao ano pasado, e anunciou a creación dun espazo no sitio web institucional onde se lles dará maior visibilidade
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou este mércores os 16 festivais de música e de artes escénicas que recibirán axudas na liña de crédito posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, cun orzamento de 170.000 euros fronte aos 165.000 euros da convocatoria anterior. “Con esta liña de colaboración reforzamos o noso compromiso coas actividades culturais máis senlleiras e consolidadas no noso territorio”, 13 festivais musicais e outros 3 de artes escénicas que “son un piar fundamental na dinamización das vilas, barrios, parroquias e aldeas da provincia de Pontevedra”, asegurou o deputado provincial quen adiantou a creación dun espazo no sitio web institucional para darlles maior visibilidade. As cifras supoñen, ademais do maior investimento ata a data, un récord tanto na demanda como no número de entidades beneficiarias desta liña de axudas provincial.
As actividades que recibirán financiamento, algunhas delas por primeira vez, son as seguintes: no Salnés, o Festival O Xacobeo Percute e o Festival Desfoga (ambos os dous en Cambados). En Deza e Tabeirós-Terra de Montes, As Nosas Músicas (A Estrada), o Galaico Brass Festival e o FIP Merza Percusión (estes dous en Vila de Cruces). No caso do Morrazo, reciben axudas a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e o Kanekas Metal Fest (tamén en Cangas do Morrazo). Na cidade de Vigo reciben financiamento The Wild Fest, o Encordass Fiddle Fest Grecia, o Festival Vertixe 13 e o Revoltallo de Música e Cultura Emerxente. E, no sur, O Rosal Cámara Fest, o Festival Rock in Río Tea (Ponteareas), o Festival Internacional de Títeres de Redondela, o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela) e o Sementeira e Música (Salvaterra de Miño).
“A cultura únenos e temos que defender a nosa idiosincrasia para ser un país forte ao que cada vez veña máis xente a desfrutar”, polo que “esta liña de colaboración reforza o compromiso que temos coas actividades culturais máis senlleiras e consolidadas no noso territorio”, remarcou Jorge Cubela. Neste eido, recordou que os 16 festivais “son o froito dun traballo intenso dos colectivos culturais e das asociacións, piar fundamental na dinamización social, turística e económica da provincia de Pontevedra” e asegurou que “cando chegamos a esa institución quixemos recuperar a colaboración con estas entidades, e estas axudas son outro xeito de demostrarlles que o noso compromiso é unha realidade e de agradecer a súa implicación para facer de Pontevedra un espazo cultural de referencia”.
O deputado provincial sinalou que estes 16 eventos “permiten facer marca de provincia e ofrecer unha programación cultural que está á altura da mellor a nivel europeo, gozando de eventos moi variados que amosan a gran riqueza cultural e a diversidade da nosa industria”. Cubela lembrou que “somos un goberno que cre na cultura viva e no acceso democrático á cultura independentemente das circunstancias da cidadanía, e por iso é importante manter a colaboración institucional” tanto con esta liña de axudas como con outras iniciativas como “+Música, con 700.000 euros fronte aos 600.000 do pasado exercicio; +Escénicas, que tamén recibiu un novo impulso tralo éxito da súa primeira edición que naceu froito dunha demanda histórica de Escena Galega; ou os Rías Baixas Fest, que tamén presentamos esta semana”.