En total, 130 entidades de 40 concellos da provincia teñen asegurada xa unha actividade, coa mobilización de 3.000 persoas. Outras 146 pasan a formar parte da lista de agarda
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a relación de entidades admitidas no programa Provincia Activa. Unha iniciativa que, como explicou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, está dotada con preto de 150.000 euros “para promover actividades que xeren espazos de encontro e intercambio para as persoas maiores”. En total, son 276 as entidades admitidas, das que 130 contan xa cun obradoiro adxudicado e as outras 146 quedan na lista de agarda.
Este ano aprobáronse 26 solicitudes máis que o ano pasado e as 130 entidades que teñen xa adxudicado un obradoiro mobilizarán a 3.000 persoas maiores de 50 anos de 40 concellos da provincia: A Estrada, A Guarda, A Lama, Arbo, As Neves, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Lalín, Meaño, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vigo, Vilagarcía e Vilanova.
Os obradoiros, xestionados pola empresa Xestión Cultural Áurea, están englobados en seis áreas: ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’ e ‘Redeir@s’. “Cremos na necesidade de romper fendas, de non deixar a ninguén atrás -asegurou o vicepresidente provincial-. E por iso apostamos por programas como este, sumando recursos para fomentar o envellecemento activo e aumentar a calidade de vida das persoas maiores da provincia”.