HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación celebra este domingo unha ruta ornitolóxica nas Brañas de Xestoso

A Deputación celebra este domingo unha ruta ornitolóxica nas Brañas de Xestoso

- Anuncio -spot_img

Trátase dunha das actividades do programa Voando nas Rías Baixas, que se desenvolverá da man de SEO/BirdLife entre os concellos de Forcarei e Silleda

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 25 de maio unha ruta ornitolóxica nas Brañas de Xestoso, nos concellos de Forcarei e Silleda, dentro da programación de actividades do programa Voando nas Rías Baixas. En colaboración coa asociación SEO/BirdLife, esta será a terceira das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante o ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio.

As Brañas de Xestoso son unha excelente representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas como brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueira baixa, rochedos ou carballeiras. Entre as aves que as persoas participantes poderán observar destacan as rapaces, como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira.

A ruta, na que as e os 25 participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado e cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 continúa coa ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño, para a que se abrirá o prazo de inscrición o próximo luns 9 de xuño. Posteriormente o 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), que irá seguida da do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra) o 9 de novembro. En último lugar, a programación pecharase coa ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa) o 14 de decembro.

Publicacións Relacionadas