A Deputación celebra o Día Europeo da Arte Rupestre cunha conferencia no Museo sobre o significado dos petróglifos galegos

adminON
Lectura mínima de 3

A xornada terá lugar o mércores 9 de outubro e completarase cun obradoiro concertado con centros escolares

O Museo de Pontevedra celebra este mércores 9 de outubro o Día Europeo da Arte Rupestre con dúas actividades: unha conferencia aberta ao público e un obradoiro concertado con centros escolares. A conferencia será ás 19.00 h no Edificio Castelao, a cargo do arqueólogo galego Manuel Santos Estévez, do INCIPIT-CSCIC. Co título “De que falan os petróglifos? Unha aproximación ao significado da arte rupestre en Galicia”, achegaranos ás últimas interpretacións da simboloxía presentes nos gravados rupestres dos montes galegos.

Como explica Santos Estévez, “está moi estendida a idea de que non é posible interpretar os diversos signos que os nosos antepasados deixaron gravados nas pedras, mais os últimos avances na arqueoloxía están a desmontar esta idea”. Na súa conferencia, o investigador galego presentará varios casos nos que, cunha metodoloxía baseada na arqueoloxía da paisaxe e en estudos etnográficos, é posible aproximarse á función e ao significado de moitos dos petróglifos prehistóricos galegos. Falará das mensaxes que se atopan detrás de manifestacións como combinacións circulares, representacións de armas e escenas de caza.

Manuel Santos Estévez é arqueólogo especialista en arte rupestre. Doutor en Historia dende 2004 pola Universidade de Santiago de Compostela, foi membro do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC entre 1995 e 2009, onde dirixiu medio centenar de traballos arqueolóxicos entre os que cabe destacar o proxecto de documentación do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro.

En 2009 desenvolveu o seu traballo como investigador no Instituto de Historia do CSIC en Madrid. Entre 2014 e 2020 foi investigador postdoutoral na Universidade do Minho en Portugal e dende 2022 forma parte do INCIPIT-CSIC en Santiago de Compostela. Tamén participou en proxectos relacionados coa arte rupestre en diversos países como Suecia, Chile, Colombia e Portugal. Ten escrito máis de medio centenar de publicacións nacionais e internacionais sobre arte rupestre, escultura e arqueoloxía dos espazos sagrados.

O Día Europeo da Arte Rupestre celébrase cada 9 de outubro desde o ano 2019, proclamado polo Consello de Europa e a Comisión Europea en homenaxe ao aniversario do recoñecemento pola comunidade científica internacional de autenticidade de arte das Covas de Altamira (Cantabria).

Comparte este artigo