O Concello de Redondela comezou cos traballos de limpeza nos areais do municipio antes de comezar oficialmente a temporada estival. Na praia de Arealonga, en Chapela, os traballos previos para acondicionar o areal contratáronse o pasado 29 de maio, e a empresa responsables comezou hoxe mesmo coas tarefas. Tamén, con persoal municipal, comezaron esta semana as tarefas de limpeza na praia da Punta, en Cesantes. A partir da semana que vén, desde o 15 de xuño e ata o 15 de setembro os areais da Punta, Arealonga e os Penedos contarán cun servizo de limpeza diaria. Os traballos inclúen tamén os paseos de Cesantes, Jesús Durán Troncoso e Cardona, os accesos, aparcadoiros, zonas verdes e espazos de xogos adxacentes. Como xa aconteceu o ano pasado, os días de limpeza en Soutoxuste e Rande serán tres días á semana, e na praia de Cabanas, en Trasmañó, dous días á semana.
O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que as labores de limpeza realizaranse tendo en conta a conservación do medio natural, “sen afectar ao equilibrio ecolóxico das praias e respectando sempre a fauna e flora da contorna”. No caso das algas mariñas, argazos e restos vexetais, a retirada será “de xeito manual e de acordo coa normativa vixente, xa que son compoñentes naturais do ecosistema mariño”.
Servizo de Socorristas nas praias de Arealonga e Cesantes
O servizo de socorrismo e salvamento comezará o 15 de xuño nas praias de Arealonga e Cesantes. Os socorristas estarán nos areais os tres meses de verán, ata o 15 de setembro, todos os días, incluídos festivos, en horario continuado, de 12:00 a 20:00 horas. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca o esforzo que se fai desde o Concello para que este servizo estea operativo xa a mediados de xuño “adiantándonos á temporada alta de verán para que a veciñanza poida gozar das nosas praias nas mellores condicións e con total seguridade ”.