HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación comeza en Vigo os cursos de español para que persoas...

A Deputación comeza en Vigo os cursos de español para que persoas inmigrantes poidan superar as probas do Instituto Cervantes e solicitar a nacionalidade española

- Anuncio -spot_img

A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, inaugurará o luns 19 de maio esta acción formativa na que van participar 20 persoas do Brasil, Marrocos, Mozambique, Nixeria, a República Democrática do Congo, Romanía, Rusia, O Senegal, Siria, Somalia e Ucraína

A Deputación de Pontevedra organiza na Sala Rosario Hernández da súa sede de Vigo, en colaboración coa Universidade de Vigo, un curso de español gratuíto para que inmigrantes poidan superar as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española e así axudalas na súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, inaugurará o luns 19 de maio ás 10:00 horas esta acción formativa na que van participar 20 persoas de Angola, o Brasil, Marrocos, Mozambique, Nixeria, a República Democrática do Congo, Romanía, Rusia, O Senegal, Siria, Somalia e Ucraína. Ao acto tamén asistirá Magoya Méndez Martínez, directora da Fundación Universidade de Vigo.

O obxectivo deste curso, que se estenderá ata o 3 de xuño, é facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. As persoas que van participar saben ler e escribir, atópanse en situación regular en España, son maiores de 16 anos, teñen coñecementos básicos da lingua española e están empadroadas en Vigo, Cangas do Morrazo, Mos e O Porriño.

Os cursos, para os que se recibiron máis dun cento de solicitudes, continuarán en Pontevedra entre o 9 e o 24 de xuño e en Lalín, por primeira vez, entre o 9 e o 19 de setembro. Tamén se organizarán sesións previas ás probas do exame DELE A2, previstas para o 12 de setembro en Vigo e Pontevedra e para o 22 de novembro no caso de Lalín, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de derradeira hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba.

Este ano a Deputación de Pontevedra destina 18.000 euros aos cursos de español, de carácter gratuíto para un total de 60 persoas inmigrantes. En 2024 recibíronse 125 solicitudes para participar na formación. Das 60 persoas seleccionadas, 51 presentáronse ao exame e 40 aprobárono. A maioría delas procedían do Brasil (27), seguido de Marrocos (17) e Ucraína (6), se ben tamén houbo participantes do Senegal, Nixeria, os Estados Unidos, Ghana, Malí, Serra Leona e Siria.

Publicacións Relacionadas