O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, anunciou este xoves na casa natal de Valle-Inclán, en Vilanova de Arousa, o compromiso da institución provincial a apoiar a cuarta edición (que se celebrará en 2025) do Festivalle, o festival de teatro impulsado pola Asociación de Amigos de Valle-Inclán que ten por obxectivo render unha homenaxe ao pai do esperpento. Na visita tamén estiveron presentes o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, así como o tenente de alcalde da vila e tamén deputado provincial Javier Tourís, ademais de representantes da entidade.
O deputado provincial Jorge Cubela lembrou que este ano foi a primeira vez que a Deputación colaborou co Festivalle, unha iniciativa que xa conta con tres edicións ás súas costas, a través dun convenio de colaboración entre a institución e a asociación no que a institución provincial comprometeu 10.000 euros. Coa renovación deste apoio, ademais de amosar o compromiso do goberno da Deputación coa cultura, búscase converter esta actividade nunha referencia teatral tanto a nivel galego como estatal.