HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación conciencia sobre a importancia da protección e o coidado do...

A Deputación conciencia sobre a importancia da protección e o coidado do mar a 250 escolares de nove centros educativos da provincia

- Anuncio -spot_img

As actividades, enmarcadas no proxecto europeo +Rías, comezaron no CEIP Plurlingüe A Florida de Sanxenxo e continuarán ao longo das próximas semanas en colexios de Cambados, Meaño, Redondela, Vilanova de Arousa, Poio e A Guarda

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha os obradoiros do proxecto +Rías, unha iniciativa educativa que chegará a preto de 250 alumnos e alumnas de nove centros educativos de Sanxenxo, Meaño, Poio, Cambados, Vilanova de Arousa, Redondela e A Guarda. A acción forma parte da campaña “Aprendendo a coidar o mar”, desenvolvida como parte do proxecto europeo +Rías, e busca sensibilizar aos máis pequenos da casa sobre a biodiversidade e a xestión pesqueira sostible das Rías Baixas.

A través dun enfoque participativo e lúdico, os obradoiros buscan fomentar a conciencia ecolóxica entre as nenas e nenos, destacando a importancia da sostibilidade ambiental e socioeconómica das Rías Baixas como motor da economía azul, especialmente en contornas da Rede Natura 2000. Desta maneira, o alumnado mergúllase nunha experiencia educativa que combina contacontos, xogos participativos e actividades prácticas guiadas por mariscadores e mariscadoras no terreo para descubrir a riqueza dos ecosistemas mariños e a importancia de coidalos. A través das historias de personaxes como Don Rulo, Dona Maruxía ou Clara a ameixa, as nenas e nenos aprenden conceptos clave como a reciclaxe, a redución do plástico, a pesca artesanal sostible ou a función dos espazos protexidos da Rede Natura 2000, todo desde unha perspectiva amena e adaptada á súa idade.

En concreto, esta actividade, que comezou no CEIP Plurilingüe A Florida, chega este mércores, 14 de maio, ao CEP Corvillón, de Cambados; o xoves 15 de maio ao CEP Antonio Magariños Pastoriza, tamén en Cambados; o martes 20 de maio ao CEIP As Covas-Meaño, en Meaño; o luns 26 de maio ao CEIP de Reboreda, en Redondela; o mércores 28  ao CEIP de Viñagrande-Deiro, en Vilanova de Arousa; o xoves 29 de maio ao CEIP Plurilingüe de Chancelas, en Poio, para rematar con dúas citas en xuño: o día 2 no CEIP Manuel Rodríguez Sinde, na Guarda, e día 9 de novo no CEIP Plurilingüe A Florida, en Sanxenxo.

Os obradoiros complétanse cun concurso de debuxo infantil, no que se convida ao alumnado a plasmar artisticamente e de maneira libre os contidos traballados durante as actividades, como a biodiversidade mariña, o lixo nos océanos ou a pesca e o marisqueo sostibles. Os traballos serán avaliados por un xurado profesional e os debuxos gañadores formarán parte dunha exposición itinerante por espazos públicos da provincia, ademais de recibir un agasallo educativo.

O proxecto +Rías está promovido pola Deputación de Pontevedra e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Con iniciativas como esta, a Deputación reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e a protección do medio mariño, fomentando entre as novas xeracións o respecto e a responsabilidade cara ao patrimonio natural da provincia.

Publicacións Relacionadas