HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación confirma cifras de récord en canto a visitantes estranxeiros en...

A Deputación confirma cifras de récord en canto a visitantes estranxeiros en abril, que representan xa o 44% do total de persoas que visitan a provincia

- Anuncio -spot_img

“O obxectivo de internacionalización que nos marcamos na nosa estratexia de turismo e a promoción do destino que temos realizado en Londres ou, entre outras cidades, Berlín vai, pouco a pouco, dando os seus froitos”, subliñou o presidente da Deputación Luis López

A porcentaxe de estranxeiros que visitan Rías Baixas incrementouse en máis do 28% con respecto ao mesmo mes do 2024  

Medran ata un 15% as cifras globais de visitantes fronte ao 2024 e tamén a ocupación hoteleira, que se mantivo no 40% ao longo de todo o mes de abril, un 7% máis que o pasado ano

A provincia de Pontevedra segue a manter un ritmo de crecemento constante en canto ao turismo estranxeiro desde que comezou o ano. Neste caso, a Deputación confirma cifras de récord en canto aos visitantes internacionais que percorreron a provincia en abril, que representan xa o 44% do total de turistas que visitan Rías Baixas e supón un incremento do 28% con respecto ao mesmo mes do 2024. “Sen dúbida algunha, estes datos revalidan que o obxectivo de internacionalización que nos marcamos na nosa estratexia de turismo e a promoción do destino que temos realizado en Londres ou, entre outras cidades, Berlín vai, pouco a pouco, dando os seus froitos”, subliñou o presidente da Deputación Luis López.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que manexa o organismo provincial, a provincia rexistrou en abril un 15% máis de viaxeiros que con respecto ao mesmo mes do 2024 representando estes, ademais, o 32% dos que visitan Galicia. En liñas xerais, fronte ao 44% de turistas estranxeiros, o 56% das persoas que se achegan ata Rías Baixas son españois, o que supón un incremento do 9,5% con respecto aos visitantes nacionais que o fixeron o pasado ano.

Tamén medrou a porcentaxe de ocupación hoteleira, que se mantivo ao longo do mes de abril no 40% o que supón un 7% máis que o rexistrado no mesmo mes do 2024. Ademais, a ocupación media de abril do 2025 foi superior á media en localidades como Pontevedra ou Sanxenxo.

No que respecta a este mes de maio, e a falta dos datos do INE que se pecharán a finais de xuño, a oficina de turismo do Palacete das Mendoza recibiu a un total de 10.200 visitantes. Neste caso, detéctase novamente un incremento do turismo estranxeiro (Alemaña, Estados Unidos e Reino Unido), representando xa o 50% dos rexistrados na oficina, a mesma porcentaxe que os españois (Madrid e Barcelona, principalmente).  

Ademais, en maio os castelos de Soutomaior e Sobroso, “bastións do turismo na provincia de Pontevedra”, tal e como remarcou o presidente Luis López, sumaron un total de 3.000 visitantes: 2.000 o de Soutomaior e 1.000 o de Sobroso. E percorreron as diferentes vías que atravesan a provincia cara Compostela preto de 23.000 peregrinos, sendo a máis transitada o Camiño Portugués (10.920), seguido do Camiño Portugués pola Costa (10.235), a Vía da Prata (1.090) e o Camiño de Inverno (362).

Publicacións Relacionadas