“A internacionalización é un dos grandes obxectivos da nosa estratexia de turismo e temos destinado recursos e impulsado accións como nunca antes se fixera para promocionar a nosa provincia no estranxeiro”, remarcou o presidente Luis López
A porcentaxe de estranxeiros que visitan Rías Baixas sitúase no 33% e case a metade dos visitantes que se achegan á oficina de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza son internacionais, principalmente alemáns, franceses e británicos
O 77% dos peregrinos que percorren algunha das rutas do Camiño de Santiago que atravesan a provincia son internacionais e proceden maioritariamente de Portugal, Estados Unidos, Alemaña e Italia
A Deputación de Pontevedra confirma que segue a medrar o turismo estranxeiro na provincia, cun 18% máis de visitantes internacionais en maio deste ano fronte ao pasado. Os visitantes internacionais supoñen xa o 33% das persoas que visitan a provincia de Pontevedra, sumando un total de máis de 81.000 nese mes. “A internacionalización -remarcou o presidente Luis López- é un dos grandes obxectivos da nosa estratexia de turismo e temos destinado recursos e impulsado accións como nunca antes se fixera para promocionar a nosa provincia no estranxeiro”.
Ao longo de maio tamén se detectou un crecemento no que respecta á ocupación hoteleira fronte a maio do pasado ano, superando o 42% de media no conxunto da provincia, o que supón un punto porcentual máis que en maio do 2024. Sitúanse por riba desa porcentaxe as cidades de Pontevedra, cunha ocupación do 61%, ou Vigo, do 45%, segundo os datos que manexa o Observatorio de Turismo Rías Baixas que proveñen do Instituto Nacional de Estatística.
Pola súa banda, no que vai de mes de xuño a oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, recibiu un total de 2.500 visitantes dos que case a metade son estranxeiros, principalmente alemáns, franceses e británicos, fronte á outra metade de turistas nacionais que proveñen de Madrid, Barcelona e Valencia. Ademais, tamén en xuño, visitaron os Castelos de Soutomaior e Sobroso preto de 3.000 persoas: 2.000 Soutomaior e 1.000 Sobroso.
No que respecta ás rutas cara Compostela que atravesan a provincia de Pontevedra, neste mes de xuño foron xa percorridas por 20.500 peregrinos. A vía máis transitada é o Camiño Portugués, con 9.465 peregrinos, seguido moi de preto polo Camiño Portugués pola Costa, con 9.432 persoas. O Camiño de Inverno foi o elixido por 1.000 peregrinos e a Vía da Prata por 307. O 77% dos peregrinos son internacionais e proceden maioritariamente de Portugal, Estados Unidos, Alemaña e Italia.