19 entidades sen ánimo de lucro de 13 concellos de menos de 50.000 habitantes recibiron entre 400 e 10.000 €, unha inxección total de 115.000 euros para impulsar as condicións de seguridade e autonomía das persoas
A Deputación de Pontevedra acaba de conmemorar o Día Mundial da Xustiza Social entregando as placas conmemorativas ás 19 entidades sociais da provincia que resultaron beneficiarias do programa Pontevedra, provincia +inclusiva, cunha inxección total de 115.000 euros. A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, subliñou que “é unha cuestión de xustiza social fomentar as políticas de inclusión e de benestar social, promover as condicións de seguridade e autonomía de todas as persoas para que poidan desenvolver actividades sen restricións e impedimentos, así como participar activamente na sociedade e usar e desfrutar os espazos e recursos”.
Bastos asegurou que “estamos traballando na modernización e o reforzo do conxunto dos servizos sociais, promovendo á súa vez a innovación e un modelo de atención centrado nas persoas”. Con medidas como este programa, remarcou, “eliminamos barreiras que impiden a participación plena de todas as persoas en igualdade de condicións na sociedade, e para conseguilo sabiamos que era importante e necesaria a implicación do tecido asociativo da provincia”. Neste sentido, fixo fincapé na importancia de tender pontes “para nos aliar coas entidades que traballan cada día polas persoas con problemas de mobilidade, coas que coidan dos nosos maiores ou as que loitan para que esas fendas que aínda nos separan deixen de existir”.
A deputada entregou as placas ás 19 entidades sociais de Bueu, Crecente, Lalín, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Tomiño, Tui e Vilagarcía de Arousa que se beneficiaron de entre 400 e 10.000 euros para financiar obras de acondicionamento, reforma ou ampliación de espazos accesibles, a redacción de memorias de proxectos de accesibilidade, ou tamén a adquisición de sistemas inclusivos de comunicación ou axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal.
En concreto, a Asociación Parkinson de la provincia de Pontevedra (Bueu) recibiu 10.000 €; o Colexio Nuestra Señora de Fátima en Creciente Esclavas de la Virgen Dolorosa (Crecente) 8.778 €; a Asociación ASPADEZA (Lalín) 1.364 €; a Asociación para la Protección de los Ancianos de Lalín y Comarca (Lalín) 4.474 €; a Asociación Rapaces/zas e Amigos/as con Necesidades Especiais (Lalín) 410 €; AFAMO (Moaña) 7.850 €; a Casa Santa María de la Esperanza Esclavas Virgen Dolorosa (Mos) 8.847 €; a Asociación Benéfica Social de Padres y Amigos La Esperanza del Val Miñor (Nigrán) 4.542 €, e a Asociación de Padres de Personas con Discapacidad Intelectual de Vigo-ASPAVI (Pazos de Borbén) 8.577 €.
Ademais, a Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta (Ponteareas) recibirá 2.887 €; Dar Más (Ponteareas) 1.248 €; Aceesca – Asociación de Apoyo a Personas con Diversidad Intelectual (O Porriño) 10.000 €; a Asociación Lenda de Saúde Mental (Redondela) 5.998 €; a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade (Tomiño) 1.691 €, e a Congregación Hermanas Franciscanas Hospitalarias (Tui) 5.215 €. En Vilagarcía resultaron beneficiarias a Asociación Autismo BATA con 8.353 €, Dálle que Dálle Sociedade Cooperativa Galega con 4.334 €, e a Fundación Lar Pro Salud Mental e mais a Fundación Residencia Divina Pastora con 10.000 € cada unha.