Rafa Domínguez anunciou a adxudicación deste contrato, que permitirá “garantir a seguridade tanto dos espazos expositivos como das obras que exporemos, así como artellar o correspondente seguro de obras de arte”
“Continuamos traballando para converter a este acontecemento na mellor cita de arte de Pontevedra”, remarcou o vicepresidente provincial quen recordou que a Bienal será “un auténtico escaparate para a creatividade e o talento”
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por 168.000 € o servizo de seguridade e vixilancia da 32ª edición da Bienal de Arte. O obxectivo deste contrato é “garantir a seguridade tanto dos espazos expositivos como das obras que exporemos, así como artellar o correspondente seguro de obras de arte”.
A Bienal de Arte terá lugar na cidade de Pontevedra entre o 21 de xuño e 30 de setembro de 2025, baixo o título “Volver a ser humano. Ante a dor dos demais” e o obxectivo é que a empresa que exerza a vixilancia comece o 1 de xuño no Pazo da Cultura e o 15 de mesmo mes no resto dos espazos expositivos (o convento de Santa Clara, a Sala Moldes da Escola de Belas Artes e a sala de exposicións da Fundación Rosón de Arte Contemporáneo), estando operativa ata o 31 de setembro en todos os casos.
“Empeza xa a conta atrás para que comece a 32ª Bienal de Arte de Pontevedra e seguimos avanzando, traballando para converter a este acontecemento na mellor cita de arte de Pontevedra”, asegurou o vicepresidente provincial, que lembrou ademais que este será “un auténtico escaparate para a creatividade e o talento e a promoción do intercambio cultural, o diálogo e a colaboración entre artistas locais, nacionais e internacionais”.