Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior, que ascende a máis de 2,5 M € e está financiado polo Plan de Recuperación
“O Castelo de Soutomaior e os seus xardíns son un referente cultural e turístico de primeiro nivel e por iso seguimos traballando, para poñelo en valor, potencialo e mantelo en perfecto estado de conservación”, asegurou o vicepresidente Rafa Domínguez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar as obras para dotar dunha nova iluminación monumental e paisaxística e para a mellora da instalación eléctrica na parcela do Castelo de Soutomaior, cun orzamento de 2 millóns de euros. Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior, que ascende a máis de 2,5 millóns de euros, que está financiado con fondos do Plan de Recuperación e que inclúe outras propostas como a mellora da accesibilidade na Torre de Homenaxe ou a introdución de novas tecnoloxías de realidade virtual.
“O Castelo de Soutomaior e os seus xardíns son un referente patrimonial, cultural e turístico da nosa provincia de primeiro nivel e por iso seguimos traballando, para poñelo en valor, potencialo e mantelo en perfecto estado de conservación”, asegurou o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, en conferencia de prensa. Deste xeito, con estes recursos, dotarase ao recinto dunha nova iluminación ornamental, co obxectivo de trasladar á paisaxe nocturna a esencia da imaxe do castelo.
Ademais tamén se vai executar a reforma eléctrica e do alumeado no castelo e na parcela na que se atopa, co fin de ofrecer un espazo de calidade para os e as visitantes deste Ben de Interese Cultural e da súa contorna. A actuación contempla a renovación das instalacións eléctricas, a reforma do Centro de Transformación e a instalación dun novo grupo electróxeno e novos cadros eléctricos.