O presidente Luis López inaugurará o evento, que terá lugar o mércores 10 de setembro no viveiro de empresas do Polígono de Barro para dar a coñecer as comunidades enerxéticas e o traballo desenvolvido pola Deputación a través de +Renovables
A Deputación de Pontevedra organiza o próximo mércores 10 de setembro un Congreso sobre Comunidades Enerxéticas no marco da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) +Renovables, que será inaugurado polo presidente Luis López. O obxectivo deste encontro, dirixido tanto a comunidades enerxéticas como administracións, empresas e calquera persoa con interese sobre iniciativas e modelos sostibles, é ofrecer unha visión completa sobre o estado de desenvolvemento actual desta nova figura. O evento terá lugar en horario de 9:30 a 17:30 horas no viveiro de empresas do Polígono de Barro e as inscricións poden realizarse de balde a través do sitio web institucional.
O congreso, que reunirá representantes institucionais, expertos do sector, cooperativas e comunidades enerxéticas de referencia a nivel galego e estatal, ofrecerá unha completa panorámica sobre o presente e futuro das comunidades enerxéticas a través de diferentes relatorios, mesas de debate e obradoiros.
Está dividido en bloques temáticos que pasan polo potencial das enerxías renovables da provincia, experiencias de comunidades existentes, innovacións tecnolóxicas aplicables, así como aspectos legais e económicos. Do mesmo xeito, o evento inclúe un espazo onde os asistentes poderán realizar contactos que fomenten sinerxías entre eles, así como dous obradoiros sobre emprendemento verde (creación de start-ups do sector enerxético) e participación cidadá (estratexias para involucrar a comunidade en proxectos enerxéticos). Entre os contidos máis destacados estará a presentación do Estudo Enerxético de Pontevedra, a análise do impacto económico e social destes proxectos e o achegamento ás últimas innovacións tecnolóxicas no ámbito da intelixencia artificial, a xestión de datos e a eficiencia aplicada ao autoconsumo colectivo.
O encontro contará coa participación de proxectos pioneiros como Xermade XERAndo, Begonte Genera, Galeosol ou Arroyo Alumbra, experiencias que amosan como a enerxía pode converterse nun motor de desenvolvemento local, cohesión social e loita contra a despoboación, ao tempo que fomentan a soberanía enerxética e a implicación da veciñanza. Xunto a estas iniciativas estarán tamén poñentes de primeiro nivel, entre os que se atopan o investigador Diego Quiñoy (EnergyLab), especializado en ferramentas de xestión intelixente aplicadas ao autoconsumo; o economista Jorge Fernández Gómez (Orkestra – Universidade de Deusto), referente na análise da transición sostible e dos mercados enerxéticos; o enxeñeiro Oriol Sarmiento (Cluergal), voz destacada da transición enerxética en Galicia; o investigador Pablo Álvarez Rodríguez (ITG), centrado en solucións dixitais e intelixencia artificial aplicadas ao sector; ou o avogado Julio Mendo Buetas, experto en dereito mercantil e regulación enerxética.
A programación inclúe tamén espazos de obradoiros prácticos, como o de emprendemento verde, destinado a impulsar novas start-ups vinculadas ao sector enerxético, e o de participación cidadá, que busca ofrecer ferramentas para involucrar á veciñanza nos proxectos de enerxía sostible. Ademais, darase a coñecer o labor que realiza a Deputación de Pontevedra desde a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables.
Sobre a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables
A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables está situada no Polígono de Barro e trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas na provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial.
Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realízanse informes previos de cara á implantación das comunidades enerxéticas que inclúen a análise da capacidade produtiva de enerxía, estudos económicos para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, ou tamén outros de carácter legal e xurídico.