HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación convoca a nova liña de axudas que repartirá 600.000 euros...

A Deputación convoca a nova liña de axudas que repartirá 600.000 euros entre as asociacións para que financien obras realizadas en 2025 e 2026 nos seus centros

- Anuncio -spot_img

As obras deberán ter un custo mínimo de 100.000 euros, dos que a Deputación financiará ata 80.000 € e un máximo do 80% do orzamento, e as entidades teñen un prazo de tres meses a partir deste xoves para solicitar os recursos

Tralo anuncio do presidente Luis López o pasado venres, a Deputación de Pontevedra acaba de convocar a súa nova liña de axudas dotada de 600.000 euros destinada a que as entidades sociais da provincia poidan financiar a realización de obras nas súas instalacións durante os anos 2025 e 2026. As bases da convocatoria xa se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e as entidades teñen un prazo de tres meses a partir deste xoves 18 de decembro para solicitar estas axudas que buscan promover a mellora, a adecuación e a modernización dos seus inmobles.

Cos recursos da Deputación, as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra poderán facer fronte aos gastos derivados das obras de construción, rehabilitación, ampliación, conservación, mellora e reforma dos inmobles, que deberán ser de titularidade propia ou ter sobre eles un dereito de uso por título de cesión dunha administración pública vixente por un mínimo de cinco anos a contar desde a finalización do prazo para solicitar as axudas; é dicir, quedarían excluídos en calquera caso os inmobles que ocupen en réxime de alugueiro. As obras deberán ter un orzamento mínimo de 100.000 euros, mentres que a Deputación achegará ata un máximo do 80% do seu orzamento total e de 80.000 euros.

Con esta iniciativa, que reforza o compromiso do goberno provincial coas entidades de iniciativa social da provincia, promóvese a mellora destes inmobles onde as entidades prestan actividades de interese social. A Deputación impulsa así que poidan financiar actuacións destinadas á conservación e funcionalidade dos edificios, a eficiencia enerxética, a seguridade de uso e accesibilidade universal.

As axudas nacen en resposta á demanda das propias entidades, detectada no programa Provincia +Inclusiva. A Deputación decidiu aumentar o obxecto e contido das súas axudas tendo en conta, ademais, que a mellora das instalacións dos centros redundará á súa vez nunha mellora na atención ás persoas usuarias: a adaptación dos inmobles ás normas de edificación, eficiencia enerxética, accesibilidade e habitabilidade impactará positivamente na saúde e benestar daquelas persoas que utilicen as instalacións.

Publicacións Relacionadas